
Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Curso de auga
Historia
O Sar é o río que configura o territorio das Brañas de Sar ao seu paso polo leste da cidade. Río poético cantado por Rosalía de Castro, é un afluente do Ulla pola súa marxe dereita. Nace a 310 metros de altitude no concello de Santiago de Compostela, concretamente na parroquia de Bando, ao lado de Amio, pasando ademais polas parroquias de Sar, Conxo e Laraño. A continuación atravesa as parroquias de Bugallido e Ortoño en Ames e a de Bastavales en Brión, para logo entrar en Padrón por Iria Flavia, onde discorre pola chamada Ruta Rosaliana. Cruza parte de Rois e finalmente desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro despois de percorrer 42 quilómetros e drenar unha conca de 265,5 quilómetros cadrados.
Conta entre os seus afluentes co Sarela, o Roxos, o Tinto e o Rois. Tanto o Sarela como o Roxos son ríos do concello de Santiago. O primeiro, o Sarela, é bastante coñecido maio o segundo, o Roxos, que discorre pola parroquia de Villestro, é un descoñecido que paga a pena explorar en todo o seu percorrido e especialmente no treito final na zona chamada do Pego antes de verter as súas augas no Sar, onde salva unha boa pendente formando pequenas fervenzas e pozas de grande beleza.
Co Sar ocorre algo curioso. Está establecido o seu nacemento en Bando mais resulta moi difícil saber que itinerario segue dende aí até San Lázaro onde se fai visible, tampouco hai acordo no punto, breña, fonte ou rego que supón o seu nacemento. Un treito do río Sar, xa fóra do seu curso por Compostela, está incluído na Rede Natura 2000, e outro treito máis está proposto para formar parte dela.
Descrición
Despois de recibir as augas do río Sarela, o Sar transcorre pola Brañas de Sar para continuar o seu percorrido cara Ames. Configura o territorio ao seu paso polo leste da cidade e nas beiras do río abonda a vexetación de ribeira ou ripisilva, formada por ameneiros, salgueiros, bidueiros, carballos, freixos, chopos, sabugueiros e abeleiras.
Antes dos anos sesenta, o río e as Brañas de Sar eran un espazo vivo, cheo de xente da zona e dos arredores. Era un río animado por persoas que ían lavar, bañarse en lugares como O Redondo, O Pozo ou Os Dous Olmos; outras que traballaban aquelas terras e levaban os seus produtos a vender a Santiago; as que ían moer millo e cereais aos muíños hidráulicos; parellas que buscaban intimidade, leiteiras que subían ao pobo co leite nas sellas, familias que ían pasear e merendar os domingos de verán, obreiros das fábricas de curtidos… Un río moi vivo e coidado por toda a xente que o aproveitaba e gozaba del.
O Sar era a praia da Compostela da zona leste. Grandes, mocidade e crianzas ían bañarse ao río, especialmente en tres lugares concretos. O que quedaba máis ao norte das Brañas era O Redondo, unha gran piscina natural duns dous metros de profundidade nalgunha zona, cuberto de árbores de ribeira no que se congregaba gran cantidade de xente, sobre todo mozos. Moi preto del estaba a Bella ou Vella Juana, que era o lugar no que as familias se reunían para xantar ou merendar os días calorosos de verán á sombra das árbores. Tanto O Redondo como a Bella ou Vella Juana desapareceron coa construción no ano 1974 do antigo pavillón do Obradoiro, que sería substituído polo actual Multiusos Fontes de Sar. Pasada a Ponte de Brañas de Sar, tamén coñecida como Ponte da Mourulla, a medio camiño entre esta e a Ponte de Sar estaba O Pozo, unha zona de baño pequena en comparación co Redondo, que tiña a vantaxe de que ser sollía nun treito do río sen arborado de ribeira e con prados en toda a contorna. O Pozo tiña unha auga moi transparente coa cor do fondo de rocha nai e cuns dous metros de profundidade; é o único lugar de baño que se conserva máis ou menos inalterado. Xa preto da Pontepedriña había a terceira e última zona de baño nas Brañas de Sar, coñecida como Os Dous Olmos porque na súa proximidade había dous enormes olmos que xa desapareceron. A maioría destas zonas de baño estaban asociadas ás presas construídas para levar a auga ás canles dos muíños, das que actualmente só se conserva a Acea das Brañas de Sar nas proximidades da Pontepedriña.