mainimg
Código: EG049
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Eugenio Granell

Barrio

Pontepedriña

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Curso de auga

Historia

O Sar é o río que configura o territorio das Brañas de Sar ao seu paso polo leste da cidade. Río poético cantado por Rosalía de Castro, é un afluente do Ulla pola súa marxe dereita. Nace a 310 metros de altitude no concello de Santiago de Compostela, concretamente na parroquia de Bando, ao lado de Amio, pasando ademais polas parroquias de Sar, Conxo e Laraño. A continuación atravesa as parroquias de Bugallido e Ortoño en Ames e a de Bastavales en Brión, para logo entrar en Padrón por Iria Flavia, onde discorre pola chamada Ruta Rosaliana. Cruza parte de Rois e finalmente desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro despois de percorrer 42 quilómetros e drenar unha conca de 265,5 quilómetros cadrados.

Conta entre os seus afluentes co Sarela, o Roxos, o Tinto e o Rois. Tanto o Sarela como o Roxos son ríos do concello de Santiago. O primeiro, o Sarela, é bastante coñecido maio o segundo, o Roxos, que discorre pola parroquia de Villestro, é un descoñecido que paga a pena explorar en todo o seu percorrido e especialmente no treito final na zona chamada do Pego antes de verter as súas augas no Sar, onde salva unha boa pendente formando pequenas fervenzas e pozas de grande beleza.

Co Sar ocorre algo curioso. Está establecido o seu nacemento en Bando mais resulta moi difícil saber que itinerario segue dende aí até San Lázaro onde se fai visible, tampouco hai acordo no punto, breña, fonte ou rego que supón o seu nacemento. Un treito do río Sar, xa fóra do seu curso por Compostela, está incluído na Rede Natura 2000, e outro treito máis está proposto para formar parte dela.

Descrición

O Parque Eugenio Granell está situado xunto ao río Sar. Na beira deste río ao seu paso xunto á zona verde podemos atopar diferentes especies vexetais hidrófilas e umbrófilas. O acceso ao Parque Eugenio Granell dende a rúa Paxonal e o Restollal faise por riba do río Sar, cuxas augas pasan por debaixo da estrada por medio dunha canalización, complementada polas obras do colector rematadas no 2011.

Nas súas beiras atopamos unha interesante vexetación ripícola formada por ameneiros (Alnus glutinosa), freixos (Fraxinus excelsior) e bidueiros (Betula alba), que dan paso a soutos e carballeiras. Debido a isto, a zona posúe un alto valor ecolóxico xa que alberga multitude de especies de flora e fauna e dentro destas son de especial importancia as aves, que teñen nestes lugares húmidos un sitio de paso, repouso e reprodución.

Santiago está profundamente definido polos seus principais cursos hídricos. Din que “entre o Sar e o Sarela está Compostela”, xa que o río Sar rodea a cidade polo leste, mentres que o Sarela o fai no oeste até que, ao chegar ao Chouciño, ambos se unen nas augas do Sar. Estes ríos garanten a presenza dunha variada fauna e unha flora composta por numerosas especies, mais tamén están relacionados coa existencia dun importante patrimonio fluvial formado por muíños, pontes, embalses, presas, fontes, lavadoiros...

Os ríos de Santiago, igual que os do resto de Galicia tanto na vertente atlántica como na cantábrica, teñen como características principais o seren curtos, caudalosos e rápidos. Adoitan nacer preto da costa, fan pequenos percorridos até chegar a ela, atravesando fortes desniveis que imprimen velocidade ás súas augas, aumentando o seu poder de erosión. O seu réxime é pluvial, polo que se nutren da auga das abundantes choivas propias do noso clima.

O río Sar nace na parroquia de Bando e a continuación, o seu percorrido forma un val en dirección nordeste-suroeste, para logo atravesar as Brañas de Sar e o Parque Eugenio Granell. Tras recibir as augas do río Sarela vai pola beira do Parque de Brandía e despois recibe as augas do río de Roxos, que baixa encaixado dos altos da Viorneira.

O río Sar forma parte da bacía hidrográfica do Ulla, que verte no Océano Atlántico a través da Ría de Arousa. Dentro do territorio de Santiago de Compostela, atravesa as parroquias de Bando, Sar, Conxo e Laraño. Unha vez fóra de Santiago, percorre os municipios de Ames, Brión, Rois, Dodro e Padrón. É un río de gran potencial turístico e hidráulico, xa que ao longo do seu percorrido existen zonas de altísimo valor medioambiental, a pesar de ter algúns puntos moi degradados pola acción humana e os vertidos de augas residuais.

Un treito do Río Sar, situado no Val da Maía, está incluído na Rede Natura 2000, a rede de espazos naturais protexidos a nivel da Unión Europea, que ten como obxectivo de coidar os espazos naturais máis importantes de toda Europa. O Sar declarouse Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral e posteriormente, a Comisión europea declara LIC (lugar de interese comunitario) ao Sistema Fluvial Ulla-Deza, do que forma parte.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)