mainimg
Código: AL081
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Juniperus chinensis L.

Nome común en galego

Sabina chinesa

Nome común en castelán

Sabina de China o sabina de jardín

Información

Características

Medra nos xardíns do Estanque de Méndez Núñez, preto dunha das pontes de pedra que o cruzan. Ten un peculiar porte achatado, desenvolto en horizontal, que fai que sexa moi doada de recoñecer.

Orixe e distribución

Orixinaria do leste de Asia, esta especie esténdese polo suroeste de China, Mongolia e Xapón. En Europa, os primeiros exemplares de sabina chinesa foron introducidos en 1804.

Descrición

Arboriña perennifolia, xeralmente dioica, que pode alcanzar até os 20 metros de altura, aínda que nos parques e xardíns apenas excede dos cinco metros. Ten unha cortiza parda que se desprende en finas tiras. Ramifícase dende preto do chan e ás veces aparece como arbusto, incluso de porte rastreiro.

As follas son escamas opostas e simples, duns 1,5 milímetros de lonxitude. Aparecen en catro ringleiras aplicadas ás pólas, presentando unha glándula resinosa no dorso. As follas xuvenís son máis longas, e poden coexistir as dúas intercalándose no mesmo exemplar.

As inflorescencias masculinas e femininas aparecen sobre exemplares diferentes. Os amentos masculinos son de cor amarela e moi numerosos, desprendendo o pole en abril. Os conos son globosos ou oblongos, constituídos por escamas carnosas e opostas, de cor verde no primeiro ano, para máis adiante cando maduran ao cabo de dous anos, pasaren a unha cor marrón escura. Estes conos conteñen dúas ou tres sementes de cor marrón.

Etimoloxía

Juniperus é o nome que daban os romanos aos xenebreiros e á súa madeira. O epíteto específico chinensis fai referencia á súa orixe asiática, así como o nome común.

Usos

De interese ornamental, cultívase con frecuencia como ornamental nos xardíns. A gran variabilidade de formas e tamaños que pode presentar esta especie foi aproveitada para obter numerosos cultivares, algúns adecuados para rocallas e outros destinados aos bonsais. Empréganse diversas variedades de juniperus para o seu uso en xardinería e restauración de ecosistemas degradados debido á súa rusticidade.

Como en todas as especies do xénero, a súa madeira aromática é moi resistente á podremia. Polas súas propiedades aromáticas, o uso máis coñecido dos juniperus é a destilación dos seus froitos para a obtención de xenebra, aínda que tamén se utilizan para aderezar guisos de carnes, e mesmo para dar sabor ao leite fermentado. Neste sentido o novelista francés Xulio Verne, en Viaxe ao centro da Terra, escribiu: había abundancia de skyr, especie de leite callado, acompañada de galletas e sazonada por mollo de baias de xenebreiro.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)