Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Sambucus nigra L.
Nome común en galego
Sabugueiro, bieiteiro, biouteiro ou buciño
Nome común en castelán
Saúco
Características
Nas ripisilvas dos ríos galegos adóitanse atopar certas especies arbóreas que medran sempre nas beiras: ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix sp.) e freixos (Fraxinus sp.). Baixo estas especies arbóreas adoita atoparse o sabugueiro. As beiras do río Sar ao seu paso polo parque Eugenio Granell non son unha excepción, xa que tamén contan coa presenza de sabugueiros xunto ao curso do río.
Orixe e distribución
Atópase distribuído por case toda Europa, chegando até Siberia, Asia Menor e noroeste de África. Foi introducida polo ser humano dende tempos antigos, ampliando a súa distribución a unha área moito maior. Está presente en toda a Península Ibérica, mais é máis abondosa na metade norte.
Especie pouco esixente que gusta de solos aireados, frescos e húmidos. Atopámolo á beira de ríos e regatos, terreos baldíos, formando parte de sebes...
Descrición
Arbusto ou arboriña caducifolia que acada pouca altura (entre 3 e 4 metros de altura) de tronco corto e retorcido, que se ramifica abundantemente formando unha copa densa e arredondada. Ten a cortiza agrisada e rugosa, e as pólas teñen a medula (zona máis interna) esponxosa e branca.
Follas caducas, opostas, imparipinnadas, con entre cinco e sete folíolos elípticos rematados en punta, face glabra e envés con algún peliño. Presentan un cheiro desagradable moi característico ao refregalas.
Flores hermafroditas moi abundantes, de cor branca, olorosas e dispostas en grupos moi numerosos formando unhas inflorescencias chamadas corimbos, con todas as flores ao mesmo nivel. Teñen a corola con cinco pétalos e cinco estames, que florecen en primavera, máis abondosas cando o solo ten un alto contido en nitróxeno, preto de lugares onde abonda a materia orgánica.
Froito de tipo baia redondeada, coma unha pequena uva duns 7 milímetros de diámetro, dispostos en acios colgantes de disposición semellante á que adoptaron as flores. Ao principio son de cor verde, que vai tornando avermellada para presentar cor negra brillante na madurez. Estes froitos denomínanse sabugos ou tamén uvas de bruxa.
Etimoloxía
Non está clara a proveniencia etimolóxica de Sambucus. Nigra é un epíteto do latín que significa negro e pode referirse á cor que toman os seus froitos na madurez.
A palabra latina sambucus e o nome castelán saúco deu lugar a diversos topónimos en España, como Fuentesaúco, localidade de Zamora famosa pola súa produción de garavanzos, ou Jabugo na provincia de Huelva, afamado centro de produción dos xamóns de pata negra. En Galicia, deu lugar ao nome de moitos lugares, como Sabucedo no Concello de A Estrada, onde ten lugar a famosa Rapa das Bestas.
Usos
O sabugueiro é unha árbore á que se lle atribuíron dende a antigüidade propiedades contra males de todo tipo, en especial contra os causados polo efecto da maxia negra. Por iso, segundo moitas tradicións peninsulares, danar un sabugueiro pode ser motivo de desgraza. Din que na antiga Inglaterra, os meigos facían varetas de sabugueiro, tradición que se reflicte en novelas actuais como Harry Potter.
A rapazada usaba as pólas ocas para facer tiratacos e frautas. Follas e flores van no ramo de San Xoán, ou colócanse nas portas das casas esa noite para que se bendigan, xa que considerábase que durante a noite de San Xoán o efecto do solsticio facía que certas plantas adquirisen ou aumentasen as súas propiedades curativas ou máxicas.
O froito distínguese polas pólas violetas que as sustentan. Comidas crúas poden provocar problemas estomacais, polo que para poder consumilas é necesario cociñalos cando están maduras. Con elas pódense preparar caramelos, zumes, marmeladas ou salsas. Úsase tamén para dar sabor e escurecer o viño. Son un importante alimento para moitas aves, como a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla).
Aínda que se lle atribuíron numerosas propiedades terapéuticas, en medicina só é utilizado de xeito xeneralizado como febrífugo. A madeira é de mala calidade e enseguida podrece, polo que non abondan os usos con ela.