
Zona verde
Parque da Finca do Espiño
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Salix atrocinerea Brot.
Nome común en galego
Salgueiro bravo ou salgueiro negro
Nome común en castelán
Sauce cenizo
Características
Está situado preto da área da porta do garaxe para os carruaxes do palacete do Espiño. Está situado nunha agrupación de diferentes especies, como o freixo ou o teixo, entre as que destaca polo seu gran porte.
Orixe e distribución
Os salgueiros son un xénero que presenta numerosas variantes que lle permitiu estar presente en amplas zonas do planeta, dende Europa a Xapón pasando por África e América, sen grandes preferencias polo tipo de solo mais moi esixentes en auga, polo que ocupan sempre zonas húmidas.
O salgueiro bravo é orixinario de Europa e o norte de África, e aparece en case toda a Península Ibérica. E moi abondoso en Galicia, atopándose nas beiras de ríos, regatos, prados e zonas húmidas.
Descrición
Arbusto ou arboriña caducifolia e dioica, que pode chegar até os 12 metros de altura. Ten delgadas pólas pubescentes de cor parda. As follas son simples, alternas, con pecíolo curto e lámina elíptica, ca marxe serrada.
As flores son precoces, pouco vistosas e reunidas en amentos ovoides, aparecen a finais de inverno e principios de primavera, antes de que xermolen as follas. As flores femininas dan lugar a unha cápsula pubescente, que abre en dúas valvas para liberar entre abril e maio numerosas sementes lanosas, pois a dispersión é anemócora, aproveitando o vento.
Etimoloxía
O nome xenérico salix é o vocábulo latino para designar a estas árbores, que deriva da raíz indoeuropea sal (gris, sucio), pola cor que adquiren as follas nalgunhas especies. Tamén alude á cor gris escura das pólas novas e da pubescencia das follas o vocábulo latino atrocinereus, un derivado de cinereus (cincento) co prefixo atro, que quere dicir escuro.
Usos
É empregada en xardinería ornamental, mais ten ademais probados usos medicinais. A codia de salgueiro foi mencionada en antigos textos de Asiria, Sumeria e Exipto como un remedio contra as dores e febre. O médico grego Hipócrates escribiu acerca das súas propiedades medicinais cara ao século V a.C.
O extracto activo da codia chamado salicina, foi illado na súa forma cristalina en 1828 polo farmacéutico francés Henry Leroux e o químico italiano Raffaele Piria, que tiveron éxito en separar o ácido no seu estado puro, a salicina. En 1897 Felix Hoffman crea unha versión sinteticamente alterada (neste caso derivada da planta Spiraea) que era menos problemática para a dixestión que o ácido salicílico puro. A nova substancia, foi nomeada Aspirina por Bayer, clasificándose como medicamento non esteroideo antiinflamatorio.