
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Salix babylonica L.
Nome común en galego
Salgueiro chorón
Nome común en castelán
Sauce llorón
Características
Sitúase preto da entrada do parque dende o Paxonal, no espazo baixo da ladeira onde se atopan os aparatos de exercicios do circuíto biosaudable e a Fonte do Parque Eugenio Granell. Ao seu carón medran plátanos de sombra e acacias de Constantinopla.
Orixe e distribución
Esta especie provén das rexións áridas e semiáridas da zona do centro e norte da China, onde adoitan medrar nas beiras dos ríos, lagos e estanques. Medra en calquera tipo de terreos con tal de que teña a suficiente humidade. Foi introducida en Europa durante o século XVII a través de Oriente Próximo, e xa medraba no Xardín Botánico de Kew en 1692.
Descrición
Árbore de rápido crecemento, xa que alcanza pronto un tamaño medio de 15 metros de altura, mais que ten con todo unha vida bastante curta xa que non adoitan superar os 60 anos. De inconfundible porte maxestuoso, característico e elegante, y pólas delgadas, flexibles e colgantes. As follas son caducas, longas e estreitas como puntas de lanza, cun pecíolo moi curto que as une á póla. Teñen unha cor verde lustrosa polo feixe e co envés prateado.
É unha especie dioica, cos individuos de cada sexo separados en distintos pés. As flores en ambos os sexos aparecen sobre pequenos acios verdosos con forma de espiga.
As flores masculinas, agrupadas en inflorescencias cilíndricas, producen gran cantidade de pole para que sexa transportado polo vento cara á flor feminina que, unha vez fecundada, produce os froitos. Estes son unhas cápsulas que ao madurar ábrense liberando multitude de sementes algodonosas, que de novo volverán ser diseminadas polo vento.
Teñen unha gran capacidade para hibridarse coas outras especies de salgueiros, de xeito que é moi difícil atopar un exemplar que exprese as características puras da especie dificultando a súa determinación.
Etimoloxía
O nome xenérico salix é o vocábulo latino para designar a estas árbores, que segundo algúns autores deriva da raíz indoeuropea sal (gris ou sucio), pola cor que adquiren as follas nalgunhas especies. Outros opinan que provén das voces célticas sal (próximo) e lis (auga), en alusión á súa tendencia a medrar en terreos encharcados e ribeiras.
O epíteto específico babylonica refírese á cidade de Babilonia, debido a un erro cometido por Linneo ao outorgarlle o nome á especie xa que, a pesar de que é orixinaria de China, Linneo relaciónaa con Mesopotamia, posto que entrou a Europa a través de Oriente Próximo. Con este nome converte a esta árbore nunha homenaxe ao pobo hebreo que, como reza no salmo 137 "Os Ríos de Babilonia", choraba o seu desterro de Xerusalén nas beiras do Eufrates.
O nome común de salgueiro chorón alude á forma das súas ramas, que penden cara abaixo en forma de arco.
Usos
Sempre estivo moi ligado á humanidade ao longo da súa historia. En ocasións representa a tristeza dos amantes resentidos, mentres que noutras ofrecer unha póla desta árbore era símbolo de eterna amizade. A languidez das súas pólas fixo que esta árbore relaciónese coa melancolía e a morte na tradición chinesa, polo que é común plantalos nas proximidades dos cemiterios en sinal de tristeza e loito polos defuntos. Este costume está moi estendida por todo o mundo na actualidade.
Crese que foi unha das árbores máis notables dos Xardíns Colgantes de Babilonia, unha das Sete Marabillas do Mundo. Tamén foi célebre o salgueiro de Napoleón, unha árbore que mandou plantar Napoleón Bonaparte xunto á que logo sería a súa tumba na Illa de Santa Elena en 1810, mais que foi derribada por unha tormenta pouco despois do seu pasamento.
Todas as especies de salgueiros son coñecidas dende a antigüidade polas súas propiedades medicinais. A codia de salgueiro foi mencionada en antigos textos de Asiria, Sumeria e Exipto como un remedio contra as dores e febre. O médico grego Hipócrates escribiu acerca das súas propiedades medicinais cara ao século V a.C.
O extracto activo da codia chamado salicina, foi illado na súa forma cristalina en 1828 polo farmacéutico francés Henry Leroux e o químico italiano Raffaele Piria, que tiveron éxito en separar o ácido no seu estado puro, a salicina. En 1897 Felix Hoffman crea unha versión sinteticamente alterada (neste caso derivada da planta Spiraea), que era menos problemática para a dixestión que o ácido salicílico puro. A nova substancia, foi nomeada Aspirina por Bayer, clasificándose como medicamento non esteroideo antiinflamatorio.