
Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Salix matsudana Koidz.
Nome común en galego
Salgueiro retorto, tortuoso ou chinés
Nome común en castelán
Sauce tortuoso
Características
Os salgueiros son especies que gustan moito de medrar preto de lugares húmidos, como podemos observar neste caso, xa que un par de salgueiros retortos están situados xunto á gran pía do estanque do parque. Xunto a outras especies como as oliveiras (Olea europaea) ou as sobreiras (Quercus suber), forman nesta área do parque un recuncho de especies propias de climas mediterráneos.
Orixe e distribución
Este salgueiro é orixinario do noroeste de China, Manchuria e Corea, onde é unha especie moi común nos bosques clímax. Tolera un amplo rango de niveis de pH, dende ácidos a medianamente alcalinos, e medra ben en lugares expostos ao sol ou media sombra, chans frescos e temperaturas medias.
Foi introducida en Europa en 1905 no xardín botánico de Kew (Londres), procedente do Arboreto Arnold de Boston, onde chegaron a partir duns exemplares enviados dende Corea ou de preto de Pequín. Hoxe está amplamente introducido en todo o mundo como árbore ornamental, incluíndo Europa, Australia e América do Norte.
Descrición
Árbore mediano copa oval, crecemento rápido e corta vida, chegando só ao medio século. Apenas alcanza os 10 metros de altura, coa cortiza de cor parda que se agreta coa idade.
As follas son estreitas, lanceoladas, de cor verde claro ao principio, que despois van escurecendo para finalmente adoptar un amarelo verdoso no outono, antes de caer. Son das primeiras en aparecer na primavera e das últimas en caer no outono.
As flores aparecen na árbore a comezos de primavera xunto coas follas. Xa que é unha especie dioica, as flores masculinas e as femininas aparecen en árbores diferentes, os masculinos son amentos colgantes mentres que os femininos son máis pequenos. As cápsulas son verdosas e desprenden abondosas sementes algodonosas ao final da primavera, que son espalladas polo vento (anemocoria).
Etimoloxía
O nome xenérico salix é o vocábulo latino para designar a estas árbores, que deriva da raíz indoeuropea sal, gris, sucio, pola cor que adquiren as follas nalgunhas especies.
A especie chámase así en honor de Sadahisa Matsudo (1857-1921), un botánico xaponés que escribiu unha das primeiras floras de China, catalogando e describindo sistematicamente as plantas chinesas a finais do século XIX.
Algúns botánicos, como o ruso Alexei Konstantinovich Skvortsov, trataron o Salix matsudana como un sinónimo do salgueiro chorón (Salix babylonica), que a pesar do seu nome tamén é nativo do norte de China.
Usos
O seu uso é orientado principalmente á xardinería. Soe colocarse nos parques de maneira illada, raramente en grupos, para destacar o seu curioso porte. Debe podarse anualmente para manterlle as súas características e protexer a árbore, propensa a danarse cos temporais. As súas ornamentais pólas retortas emprégase en arranxos florais e tamén é frecuente o seu uso en forma de bonsai.
Tamén emprégase para o control da erosión nos ribazos ou como fonte de celulosa, mais ten ademais probados usos medicinais: a codia dos salgueiros foi mencionada en antigos textos de Asiria, Sumeria e Exipto como un remedio contra as dores e febre. O médico grego Hipócrates escribiu acerca das súas propiedades medicinais cara ao século V a.C.
O extracto activo da codia chamado salicina, foi illado na súa forma cristalina en 1828 polo farmacéutico francés Henry Leroux e o químico italiano Raffaele Piria, que tiveron éxito en separar o ácido no seu estado puro, a salicina. En 1897 Felix Hoffman crea unha versión sinteticamente alterada (neste caso derivada da planta Spiraea) que era menos problemática para a dixestión que o ácido salicílico puro. A nova substancia, foi nomeada Aspirina por Bayer, clasificándose como medicamento non esteroideo antiinflamatorio.