
Zona verde
Praza de Galicia
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Koelreuteria paniculata Laxm.
Nome común en galego
Sapindo de China
Nome común en castelán
Árbol de los farolillos ou jabonero de China
Características
Situada no medio da Praza de Galicia, onde destaca pola súa vistosidade ornamental debida á súas follas compostas, as flores amarelas e, sobre todo, á estraña aparencia dos seus froitos, unhas cápsulas que lembran aos farois decorativos chineses.
Orixe e distribución
Orixinaria da rexión meridional de Asia oriental (Norte de China e Corea). Esta árbore cultívase en China hai máis de 3.000 anos, e desde aquí introduciuse en Xapón, onde foi vista por vez primeira polos europeos.
Introduciuse en Europa primeiro en San Petersburgo en 1750, en Inglaterra no ano 1763, e o misioneiro xesuíta francés Incarville, que era afeccionado á botánica, en 1789 enviou a París exemplares desta especie, xunto coa falsa acacia do Xapón (Sophora japonica) e a árbore do ceo (Ailanthus altissima).
É unha árbore moi rústica á que non afectan as enfermidades, soportando bastante ben a contaminación atmosférica. Vive ben nos lugares secos e asollados, e en calquera clase de terreos, aínda que prefire luminosidade e non tolera as fortes xeadas.
Multiplícase por sementes, que producen en abundancia, ben sementándoas directamente no outono, ou na primavera previamente estratificadas. As súas sementes xerminan ben, podendo invadir os xardíns de plántulas.
Descrición
Árbore caducifolia de talla media e crecemento lento, que pode chegar a alcanzar os 150 anos. Ten o tronco tortuoso coa cortiza gretada e de cor pardo escura, case negra. A copa é ancha, redondeada, irregular e moi ramificada.
Follas grandes, alternas e compostas por entre catro e sete pares de folíolos, máis un terminal. Os folíolos son ovados coa marxe forte e irregularmente dentado, presentan cor verde escura mate pola face e son algo relucentes por envés. Adquiren unha coloración amarelada antes de caerse.
As flores moi numerosas, pequenas e de cor amarela viva, dispóñense en grandes acios terminais. Podemos atopar flores tanto hermafroditas como só masculinas, mesturadas no mesmo acio. Os pétalos da flor sitúanse na parte superior, quedando a inferior espida.
Non existe unha relación numérica fixa entre os elementos que compoñen a flor, como adoita ser o habitual, xa que hai 5 sépalos, 4 pétalos, 8 estames e as pezas que compoñen o ovario son 3, como 3 é o número de sementes que forman. Algo nada habitual no mundo vexetal.
O froito é moi característico, con cápsulas cónicas de cor vermella, que aparecen en gran número no outono e permanecen longo tempo sobre a árbore. No seu interior alóxanse tres sementes negras e esféricas, que son liberadas ao abrirse a cápsula en tres valvas.
Etimoloxía
O xénero desta árbore, Koelreuteria, está dedicado ao naturalista alemán Joseph Gottlieb Koelreuter (1733-1806), pioneiro no estudo da reprodución e cultivo das plantas con flor, as súas hibridacións e a importancia dos insectos na polinización.
O epíteto específico paniculata fai referencia ás súas inflorescencias de tipo panícula, mentres que os seus nomes comúns aluden aos seus froitos, con aspecto de farol chinés, e ao seu contido en saponina, que produce unha escuma que se pode empregar como limpador.
Usos
A saponina, presente en toda a planta, mais especialmente nas sementes, posibilita o seu uso como xabón. Ademais as sementes, torradas, son consumidas en China desde tempo inmemorial, e empregadas na fabricación de abelorios para colares e rosarios.
A tinguidura que se obtén das flores é de cor amarela, mentres que a que se saca das follas é de cor negra. A madeira é de mala calidade, branda e que podrece facilmente, polo que non se lle dá uso.
Na antiga China foi introducida en cultivo polos seus valores ornamentais e era costume plantala nos patios das autoridades. A elegancia das súas follas, con tonalidade outonal amarelada, a abundancia e a rechamante cor das súas flores e a singularidade dos seus froitos, persistentes durante todo o inverno, fan del elemento moi apreciado en xardinería.