mainimg
Código: BR012
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico

Sequoia sempervirens (Lam.) Endl.

Nome común en galego

Sequoia vermella

Nome común en castelán

Secuoya roja

Información

Características

Sobre o paseo de entrada á Villa Rial, demarcado pola aliñación de plátanos de sombra (Platanus hispanica) e camelias (Camellia japonica) e na parte baixa da glorieta de Vidán, podemos atopar unha sequoia que medra, exenta, adoptando un porte marcadamente vertical, fonte ao máis piramidal que soe presentar habitualmente.

Orixe e distribución

A súa área primitiva localízase nunha estreita banda costeira entre Oregón e o sur de Monterrey, California, onde crecen de maneira natural formando bosques dende o nivel do mar até 900 metros de altitude, favorecidas pola pluviosidade e as abundantes néboas.

As súas enormes dimensións xa foron relatadas en 1769 polos expedicionarios españois, mais caeron no esquecemento e a incredulidade até que Archibald Menzies as redescubriu en 1795. As primeiras sementes chegaron a Europa antes de encetar a segunda metade do século XIX. Segundo Dallimore, as primeiras enviáronse a Inglaterra no 1846.

Descrición

A esta especie, extraordinariamente lonxeva e xigantesca, pertence unha das árbores máis altas do mundo con 112,4 metros e a outra especie do xénero coñécese como Sequoia gigantea. Non son infrecuentes as de 7 metros de diámetro e 2.600 anos de vida; sen embargo, os cultivados non superan os 50 metros de altura.

Ten porte piramidal propio de moitas coníferas, e follas aciculares pequenas, dispostas a xeito de peite ou raspa de peixe, aplicadas ás poliñas.

Hai árbores máis altas ou máis anchas, mais ningunha no seu conxunto é tan voluminosa como as sequoias. De feito, as árbores máis grande do mundo son as secuoias xigantes de California, que superan os 100 metros de altura (o equivalente a un edificio de 35 andares).

Etimoloxía

A orixe do nome xenérico non procede do campo botánico. En 1847, foi dedicada por Endlicher a George Gist, mestizo chamado Sequoiah ou Seequayah (1770-1843) na súa tribo cherokee, que desenvolveu unha escritura para a lingua do seu pobo. Sempervirens alude á súa condición sempre verde porque non perde as follas no inverno. Tamén son sempervirens os buxos (Buxus sempervirens) ou os alciprestes (Cupressus sempervirens).

Usos

Á parte do seu valor biolóxico e como enfeite polo seu crecemento rápido e beleza dalgúns cultivares (pendula ou albo-spicata); carece de outro interese. A súa madeira ten un agradable ton vermello, mais é mol e de non boa calidade, aínda que se usa algo en moblería ou para postes, valos e mistos.

A pesar da súa monumentalidade, a finais do século XIX e principios do XX, talláronse numerosas secuoias en California. Algún exemplar foi furado na súa base para convertelo en túnel e pasar unha estrada a través del. Outros talláronse convertendo a súa cachopa en escenario de bailes e concertos. Hoxe en día existen reservas como a de Redwood para protexer estes tesouros naturais.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)