Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Espazo cultural
Autor
Antón García-Abril
Historia
A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) é unha sociedade privada española de xestión colectiva, dedicada á xestión dos dereitos de autor dos seus socios, entre os que se contan toda clase de artistas e empresarios do negocio da cultura. É unha organización que xestiona o cobramento e a distribución dos dereitos de autor dos autores e á vez vela polos intereses dos editores. A súa sede encóntrase no Pazo Longoria en Madrid.
O espazo da SGAE en Santiago de Compostela contribúe á vida cultural e artística da cidade cunha programación que presta especial atención ao ámbito da música e da animación infantil, con actividades culturais e ciclos musicais, teatrais ou de monicreques. Tamén presta asistencia a autores e editores.
O programa de actividades da SGAE, que inclúe non so actividades sociais para a asistencia de autores e editores senón tamén unha ampla oferta de actividades culturais para todos os públicos, articúlase no edificio en catro áreas funcionais, distribuídas á súa vez en catro niveis: difusión, formación, xestión e atención ao socio, con accesos dende o Parque de Vista Alegre e a rúa das Salvadas.
Descrición
Tras a inauguración da Escola de Altos Estudos Musicais na Finca Simeón, Antón García-Abril e o Ensamble Studio recibiron o encargo de proxectar e construír, na mesma zona verde, a nova sede en Galicia da Sociedad Xeral de Autores e Editores. O edificio proposto foi proxectado en 2005 e a súa construción comezou o 7 de abril de 2006, coa colocación da primeira pedra, e prolongouse até outubro de 2007, cando comezou a funcionar o centro.
A Sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores do Noroeste está formada por unha construción lonxitudinal situada contra o muro lateral do parque de Vista Alegre, oposto ao que ocupa o Museo de Historia Natural Luís Iglesias. A disposición destes dous edificios nos laterais do parque crean unha distribución equilibrada dentro do espazo verde, complementada polos tres edificios universitarios da zona central.
O edificio, segundo contemplaba o trazado do terreo realizado por Arata Isozaki e César Portela, ocupa 3.000 m2 no linde oeste do parque, definindo o bordo deste. Toma a aliñación do seu muro perimetral e funciona como unha continuación do muro de peche preexistente que caracterizaba a casa de estilo colonial de inicios do século XX.
Santiago de Compostela agocha exemplos sobresaíntes do emprego da pedra, non só nos edificios históricos senón tamén na arquitectura contemporánea, coma se pode apreciar neste edificio e na veciña Escola de Altos Estudos Musicais.
O edificio da SGAE organízase a partir de tres muros lonxitudinais curvos, que funcionan como filtros das diferentes situacións urbanas da contorna:
- O muro que mira ao parque é cóncavo e está formado por grandes pezas de granito de Mondariz, xigantes e irregulares, engarzadas cunha estrutura metálica de forma que dan impresión de inestabilidade e dota ao conxunto de valores escultóricos. Esta galería porticada, que tanto serve como para protexerse da choiva como de escenario de concertos, ábrese aos xardíns como unha monumental escultura, conseguindo a integración da arquitectura na paisaxe do parque. Está realizada mediante a superposición e repetición de ordes prehistóricos adaptados a unha composición clásica quebrada, que manipula a luz para disgregar o edificio como volume compacto para formar un pano de fondo para o parque.
- O muro intermedio funciona como fachada interna, intermedia entre os elementos curvados do exterior. Está construído a base de caixas de compact disc (CD) pegadas entre si, formando unha impresionante fiestra de cristal translúcido con diferentes graos de transparencia. Este muro desvela a súas mellores calidades pola noite, xa que as caixas están iluminadas con LED de cores para crear unha cortina de múltiples combinacións cromáticas, contrastando coa natureza dos bloques de granito do pórtico.
- A fachada que dá á rúa das Salvadas é convexa, dándolle as costas á rúa mentres que abraza ao parque pola banda do leste. Mostra o aspecto máis neutro de todo o edificio, cunha configuración lixeira realizada cun peche de aluminio e vidro imprimido.