
Zona verde
Parque Carlomagno
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Quercus suber L.
Nome común en galego
Sobreira ou corticeiro
Nome común en castelán
Alcornoque, corchera o chaparro
Características
Moitas sobreiras medran na ladeira do Alto da Canteira cara o sueste. Aparecen mesturados con outras árbores do mesmo xénero, os carballos (Quercus robur). As dúas producen landras, polo que no outono a zona énchense destes froitos.
O Parque de Carlomagno é a zona verde de Santiago de Compostela que contén máis sobreiras. Esta especie tamén aparece noutras zonas verdes como o Parque Música en Compostela, o Parque do Monte da Almáciga ou no Pozo da Neve, mais non con tanta abundancia coma neste caso.
Orixe e distribución
As sobreiras están distribuídas principalmente no Mediterráneo occidental, medrando en lugares abertos e soleados para poder desenrolarse. É unha árbore característica do sur da Penísula Ibérica, mais tamén a podemos atopar en Italia ou nos Balcáns. Habita sobre chans silíceos, soltos e areosos, xa que morre co encharcamento.
Gusta de climas temperados e soporta o calor sempre que a seca estival non baixe dos cen litros por metro cadrado. Especie de media luz, soporta lixeiramente a sombra doutras árbores, que precisa cando é nova para cuberta e protección dos calores estivais e as xeadas invernais.
En Galicia, destacan algunhas sobreiras polo seu gran porte, protexidas e inventariadas no Catálogo de Árbores Senlleiras, así como sobreirais e outras formacións vexetais nas que estas árbores forman parte.
Descrición
Árbore caducifolia de copa ampla, tronco curto con abondosa ramificación e cunha característica casca suberosa (grosa e esponxosa). Este é un tecido illante que debe a súa formación á actividade dun tecido secundario externo ao cambium, e que serve como protección contra a perda de auga e o exceso de temperatura. Pode alcanzar os 20 metros de altura, 2 metros de diámetro de tronco e os 500 anos de idade.
As follas perennes son aovadas, de marxe enteira ou ondulada con pequenas espiñas, verde escuro pola face e gris peludo polo envés. Pequenas e coriáceas, son similares ás da aciñeira (Quercus ilex).
As flores masculinas aparece en amentos colgantes no ápice das pólas e as femininas forman pequenos grupos.
O froito é unha landra alongada con cúpula escamosa de cor gris.
Etimoloxía
Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. O epíteto específico suber corresponde ao nome romano desta árbore, e a partir deste específico deriva o nome común de sobreira.
Usos
Foron plantadas tradicionalmente no adro dalgunhas igrexas e capelas, e abundan como árbore ornamental en parques e xardíns. Cultívase de xeito forestal para a explotación da súa cortiza, empregada para facer colmeas e tapóns de botellas. A cortiza pódese extraer nos exemplares vellos cada 10 anos, xa que rexenérase. Os bosques de sobreiras, para a explotación da súa cortiza, mantéñense cun escaso sotobosque e seminaturalizados.
A cortiza está formada por células suberificadas sen capacidade funcional, posto que están mortas, libres de auga e cheas de aire. A suberina imposibilita o paso da auga a través das paredes destas células, non deixando que o material chegue sequera a humedecerse.
A madeira non é de boa calidade, polo que ao retirar a cortiza protectora, é atacada por fungos que van debilitando a árbore até matala, facendo diminuír as poboacións autóctonas. As landras serven para alimentar á gandería porcina.