mainimg
Código: PN001
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque do Pozo da Neve

Barrio

Salgueiriños-Meixonfrío

Parroquia

San Caetano

Identificación

Nome científico

Quercus suber L.

Nome común en galego

Sobreira ou corticeiro

Nome común en castelán

Alcornoque, corchera o chaparro

Biometría

Perímetro normal

2,10 metros

Altura

8 metros

Diámetro de copa

10 metros

Idade estimada

90-100 anos

Información

Características

Esta é unha das sobreiras máis grandes das que medran nas zonas verdes de Santiago de Compostela. Tamén podemos atopar árbores desta especie na ladeira do Alto da Canteira, no Parque Carlomagno en Fontiñas, preto do estanque no Parque do Monte da Almáciga ou no Parque Música en Compostela.

Está situada preto da entrada ao parque desde a rúa do Cruceiro da Coruña, á beira da travesía da Casa Agraria, e destaca no conxunto vexetal polo seu tamaño e pola característica cuberta rugosa do seu tronco.

Orixe e distribución

As sobreiras están distribuídas principalmente no Mediterráneo occidental, medrando en lugares abertos e soleados para poder desenrolarse. É unha árbore característica do sur de España e Portugal, mais tamén a podemos atopar en Italia ou nos Balcáns. Habita sobre chans silíceos, soltos e areosos, xa que morre co encharcamento.

Gusta de climas temperados e soporta o calor sempre que a seca estival non baixe dos cen litros por metro cadrado. Especie de media luz, soporta lixeiramente a sombra doutras árbores, que precisa cando é nova para cuberta e protección dos calores estivais e as xeadas invernais.

En Galicia, destacan algunhas sobreiras polo seu gran porte, protexidas e inventariadas no Catálogo de Árbores Senlleiras, así como sobreirais e outras formacións vexetais nas que estas árbores forman parte.

Descrición

Árbore caducifolia de copa ampla, tronco curto con abondosa ramificación e cunha característica casca suberosa (grosa e esponxosa). Este é un tecido illante que debe a súa formación á actividade dun tecido secundario externo ao cambium, e que serve como protección contra a perda de auga e o exceso de temperatura. Pode alcanzar os 20 metros de altura, 2 metros de diámetro de tronco e os 500 anos de idade.

As follas perennes son aovadas, de marxe enteira ou ondulada con pequenas espiñas, verde escuro pola face e gris peludo polo envés. Pequenas e coriáceas, son similares ás da aciñeira (Quercus ilex).

As flores masculinas aparece en amentos colgantes no ápice das pólas e as femininas forman pequenos grupos.

O froito é unha landra alongada con cúpula escamosa de cor gris.

Etimoloxía

Quercus é unha palabra latina que se aplicou ao carballo e a tódalas árbores que dan landras como froito. O epíteto específico suber corresponde ao nome romano desta árbore, e a partir deste específico deriva o nome común de sobreira.

Usos

Foron plantadas tradicionalmente no adro dalgunhas igrexas e capelas, e abundan como árbore ornamental en parques e xardíns. Cultívase de xeito forestal para a explotación da súa cortiza, empregada para facer colmeas e tapóns de botellas. A cortiza pódese extraer nos exemplares vellos cada 10 anos, xa que rexenérase. Os bosques de sobreiras, para a explotación da súa cortiza, mantéñense cun escaso sotobosque e seminaturalizados.

A cortiza está formada por células suberificadas sen capacidade funcional, posto que están mortas, libres de auga e cheas de aire. A suberina imposibilita o paso da auga a través das paredes destas células, non deixando que o material chegue sequera a humedecerse.

A madeira non é de boa calidade, polo que ao retirar a cortiza protectora, é atacada por fungos que van debilitando a árbore ata matala, facendo diminuír as poboacións autóctonas. As landras serven para alimentar á gandería porcina.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)