
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Nome científico da especie dominante
Castanea sativa Mill.
Nome común en galego
Castiñeiro
Nome común en castelán
Castaño
Perímetro normal máximo/medio/mínimo
2,3/1,1/0,8 metros
Altura máxima/media/mínima
17,1/14,5/12,8 metros
Historia
Unha plantación de castiñeiros, pensando na produción de froito, tense que realizar nunha densidade de plantación baseada en marcos amplos. A densidade é o número de plantas por metro cadrado ou hectárea e depende da calidade do terreo, o tipo de planta empregada e do destino da plantación (hortícola, froito, madeira, ornamental...).
A distribución da planta sobre un terreo chairo farase normalmente en cadrados ou rectángulos, cruzándose en ambos os casos as filas perpendicularmente. En terreos con pendente, os puntos de plantación disporanse en curvas de nivel ou en liñas de máxima pendente, sendo preferible esta última disposición para permitir realizar rozas. Os marcos de plantación gardan unha distancia entre filas ou liñas de plantas e outra entre plantas dentro da mesma liña.
Unha plantación de castiñeiros a baixa densidade utiliza un marco de 5x5 metros para terreos de moi boa calidade, e está destinado á explotación madeireira. Pode utilizarse un marco incluso menor cando se trata dunha plantación mixta con coníferas e outras especies destinadas á explotación forestal.
O máis habitual para a obtención de froitos é empregar un marco de até 10x10 metros, co que se dispoñen 100 castiñeiros por hectárea. A razón destes marcos tan amplos é a necesidade de deixar espazo para que cada castiñeiro poida desenvolver unha copa frondosa e asollada e así aumentar a produción de castaña, que mellorará dependendo do espazo do que dispoña a árbore para desenrolarse e da luz do sol que reciba.
Nunca se debe pasar por alto unha boa proporción e distribución de polinizadores na plantación, fundamental para unha boa produtividade, xa que se a polinización é deficiente a produción de castaña tamén o será. Se ademais se empregan castiñeiros micorrizados con estes marcos de plantación, poderase recoller unha boa produción de cogomelos.
Descrición
A entrada principal ao Parque Forestal da Granxa do Xesto sitúase na beira dun pequeno souto de castiñeiros (Castanea sativa) no que as árbores están dispostas de maneira regular, o que indica que se trataba dun aproveitamento forestal.
Un souto é unha agrupación de árbores na que o castiñeiro é a dominante, mentres que unha fraga é un bosque caducifolio pluriespecífico, no que hai presenza de carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros e loureiros.
Os castiñeiros, na actualidade en forte regresión en Galicia por mor de enfermidades como a tinta ou o chancro, son árbores orixinarias da Europa meridional e Asia, e a súa propagación por Galicia estivo propiciada polo Imperio Romano, que gustaban do seu froito como alimento. A castaña tamén tivo unha enorme importancia na vida diaria do rural galego ao longo de varios séculos, xa que antes da chegada da pataca procedente de América, era a principal fonte de carbohidratos da dieta galega.
Son árbores lonxevas, podendo chegar a milenarios, e en Galicia podemos atopar castiñeiros de máis de 500 anos en Manzaneda (Ourense). As follas serven de forraxe e a súa madeira emprégase en carpintería e ebanistería.