mainimg
Código: BR013
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico

Rhus glabra L.

Nome común en galego

Sumagre

Nome común en castelán

Zumaque liso

Información

Características

Tanto no Paseo do Esvedro, paralelo á avenida da Mestra Victoria Míguez, coma no final do Paseo da Amaia, preto da antiga papeleira de Vidán, podemos atopar varios exemplares de sumagre.

Orixe e distribución

Orixinario do sueste de Canadá, este dos Estados Unidos e nordeste de México, medra en solos ben drenados a pleno sol ou sombra parcial. É moi rara a súa presenza en Galicia.

Descrición

Árbore dioica de pequena altura, de follas caducas imparipinnadas con entre 15 e 31 folíolos lanceolados e cos bordos dentados. A face é de cor verde escura mentres que o envés e de cor máis pálida, volvéndose vermellas no outono. Estas árbores pódense confundir no outono coa árbore do ceo (Ailanthus altissima), pola cor e forma das súas follas.

As flores son unisexuais, coas femininas e masculinas medrando en plantas separadas. As flores femininas forman espigas compactas piramidais ao final das pólas, e cando teñen unha planta macho nas proximidades transfórmanse ao seren fecundadas en froitos de cor vermella, nunha drupa que contén unha soa semente.

Etimoloxía

Os romanos empregaron o nome Rhus para referirse a estas árbores; procede dun vocábulo grego, rhous, que ten orixe na palabra céltica rhud, vermello, en alusión á cor do froito das especies deste xénero. Glabra é un epíteto latino que significa sen pelos.

Usos

Os nativos norteamericanos fabricaban pipas coas rectas pólas mediante a colocación de vermes nun dos estremos, deixando que fosen comendo o interior cara o outro estremo, até que un longo e perfecto burato estaba aberto a través da pola. As follas, cando tornan vermellas no inverno, eran colleitas e secadas para engadilas ás mesturas de tabaco para as pipas.

Os froitos da maioría dos sumagres son velenosos como os do Rhus vernix, a pesar de que conteñen unha gran cantidade de ácido asórbico, fonte de vitamina C. Moitas partes da planta pode ser empregada para tinguir, creando cores como o negro, laranxa, vermello ou amarelo. O aceite extraído das sementes pode ser empregado como substituto do sebo na fabricación de velas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)