
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Fonte
Cronoloxía
1965
Historia
En 1965 encargouse un grupo de pequenos surtidores para ofrecer refresco ao público. Foron 3 pezas que compartían a súa vontade de integrarse na paisaxe do parque sen perder a súa finalidade utilitaria. Esta é unha delas.
Cada unha ten unha temática diferente, que se sinaliza no relevo, e todas elas vincúlanse a elementos presentes historicamente nos xardíns. Neste caso son os animais mitolóxicos, monstros e personaxes grotescos, que foron moi populares nos parques de inspiración romántica.
Descrición
Estamos ante unha fonte de carácter utilitario pero pensada para fundirse na contorna, de aquí o seu reducido volume e a elección da forma e materiais que encaixan con este lugar sen distraer a atención de quen pasea.
É unha peza sinxela na que destaca o baixorrelevo que quere representar unha cabeza dun animal ou un ser fantástico; é rechamante a forza da súa expresión, que vén do marcado aceno e de que parece emerxer do chan ou da natureza circundante.
Bibliografía
José Antonio Tojo Ramallo (coordinador e asesor do estudo histórico), Belén Requejo Alonso (investigadora) e Almundena Cuns Turnes (investigadora). Fontes e lavadoiros do Concello de Santiago. Santiago de Compostela. AQUAGEST. 2002
Eduardo Beiras García. El arte del agua. Compostela y sus fuentes públicas monumentales de la Edad Media al siglo XX.Inédita, A Coruña 2012
Arquivo Municipal. Fondos municipais. Aguas. Mazo 7 Exp. 8
Abel Fernández Otero. As fontes de Santiago de Compostela. Tórculo Artes Gráficas S.A.L. Santiago de Compostela. 1993. Páx.58-59