mainimg
Código: AL108
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Taxus baccata L.

Nome común en galego

Teixo

Nome común en castelán

Tejo común o tejo negro

Información

Características

Teixo que medra próximo ao Estanque do Ollo. É unha planta dioica, polo que ten diferenciados os machos e femias en pés diferentes; neste caso trátase dunha árbore feminina, polo que produce arilos vermellos nos meses do outono.

Orixe e distribución

Trátase dunha árbore conífera propia de zonas húmidas e sombrías, que na Península Ibérica habita sobre todo no norte, quedando a súa presenza no sur limitada ás zonas montañosas. É unha especie moi antiga, que xurdiu no Oligoceno, e que se estende dende o noroeste de África a Europa e Asia Menor. Atura temperaturas moi baixas, chegando a vivir a 1.600 metros sobre o nivel do mar.

É unha especie moi escasa e ameazada no territorio galego. En Galicia foi eliminado do noso territorio por obra humana debido á súa toxicidade, polo que os treixadas naturais foron desaparecendo e na actualidade só se conserva o Teixedal de Casaio, nunha remota zona de Pena Trevinca, onde sobreviviu grazas á súa inaccesibilidade.

Descrición

Moi lonxevo e de crecemento lento, normalmente acada uns 15 metros de altura, se ben excepcionalmente pode alcanzar até 28 metros. O groso madeiro ten unha cortiza parda que se desprende en tiras. As follas, estreitas e alongadas, dispóñense en dúas ringleiras a modo de raspa de peixe ao redor das pólas.

É unha especie dioica, con pes macho e femia diferenciados. Os teixos femia non producen froitos verdadeiros, pois son plantas ximnospermas e que posúen sementes espidas, sen a protección carnosa das anxiospermas. Estas sementes chamadas arilos ou bagas, están cubertas parcialmente por unha envolta carnosa de cor vermella. Son inxeridos polas aves que as dispersan a través dos seus excrementos.

Etimoloxía

Taxus é o nome do teixo en latín, empregado xa por Virxilio e Pilino, e que deriva do grego taxon. Algúns autores cren que provén de toxicum, veleno, en alusión á súa toxicidade. Baccata procede do vocábulo latino bacca, que significa baia, e que formaría un epíteto referido á envoltura da semente.

O nome común teixo, é unha evolución da palabra latina taxus. Do nome celta desta planta (eburos) procede o nome da vila portuguesa de Évora.

Usos

O ano celta comezaba co que séculos despois sería coñecido como a noite de all hallows eve, a noite de todo o sagrado ou Halloween. Nesta noite do 31 de outubro, o teixo servía de porta entre a vida e a morte, permitindo o paso entre estes dous mundos. Halloween daba paso ao samaín, o día de defuntos, que coincide coa festividade de Todos os Santos do 1 de novembro.

A súa madeira foi empregada para fabricar os eixos dos carros e a construción de valados. Por ter as pólas moi flexibles utilizouse para realizar arcos e toneis, e era frecuente o seu uso na construción de armas. Apareceu nun machado en Clancton (Inglaterra), ao que se lle atribúen 5.000 anos de antigüidade.

O teixo contén un alcaloide chamado taxina que, de ser inxerido en doses altas, actúa sobre o sistema nervioso producindo a morte. Os pobos prerromanos preferían morrer envelenados con teixo antes que renderse a Roma, como fixeron os galaicos e cántabros no Monte Medulio no ano 22 a.C. Sen embargo, desta toxina extráese o taxol, un antitumoral utilizado para tratar distintos tipos de cancro: ovario, mama e sarcoma de Kaposi.

A pesar da súa toxicidade emprégase frecuentemente en xardíns para a formación de sebes. Ademais, están presentes en pazos e zonas verdes de importante valor histórico e patrimonial, e sete destes teixos aparecen recollidos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, dando testemuña da importancia desta árbore para a nosa cultura.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)