mainimg
Código: AM023
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Tilia americana L.

Nome común en galego

Tileiro americano

Nome común en castelán

Tilo americano

Información

Características

Na zona do Miradoiro do Monte da Almáciga, nunha explanada dotada con bancos, farois e máquinas de exercicios biosaudables que crean unha área estancial, medran xuntas moreiras (Morus alba), acompañadas de tileiros americanos. É unha zona agradable xa que a finais da primavera combínase o bo aroma das flores dos tileiros, coa presenza dos doces froitos das moreiras.

Orixe e distribución

A súa área natural esténdese polo centro e leste de América do Norte, dende a fronteira canadense até Virxinia, e dende Dakota do Norte e Kansas até Texas. Introduciuse en Europa en 1752.

Este tileiro precisa chans areosos, húmidos mais non encharcados, e con certa fertilidade. Prefire exposicións asolladas ou de media sombra e soporta ambientes urbanos. Medra con relativa rapidez e pode alcanzar varios séculos de idade.

Descrición

É unha árbore robusta, de até 30 metros de altura, co tronco dereito e a cortiza lisa, grisácea, que coa idade ráchase e despréndese en pequenas escamas. As follas son ovadas, bruscamente acuminadas, de base en forma de corazón e asimétrica, e de bordos con dentes finos, destacados e separados. Miden de 10 a 20 centímetros de lonxitude, son lampiñas e de cor verde intensa mate pola face e máis pálidas polo envés.

As flores, que son aromáticas e de cor branca amarelada, están agrupadas en cimas colgantes de 6 a 15 flores e encostadas a unha bráctea estreitada no ápice, de cor verde pálida, con nervio rosado e de 7 a 10 centímetros de lonxitude. Florecen a mediados de verán. As sementes son globosas, maduran no outono e mantéñense sobre a árbore no inverno.

Etimoloxía

Con nome de tilia denominaban aos tileiros os romanos, nome de orixe incerta que algúns fan derivar do grego ptilon (pluma, á) pola bráctea que acompaña á flores. Os gregos chamábanlle ao tileiro philyra, que era o nome da filla de Océano, nai do centauro Chiron, convertida en tileiro por Rea.

Foi descrita polo botánico sueco Carlos Lineo en 1753, quen puxo como especie tipo a Tilia europaea. O que se considera o pai da taxonomía moderna, ten o apelido formado por un derivado desta árbore (linn en sueco). O nome específico americana alude á súa orixe en América, ao igual que o seu nome común.

Usos

A bela forma da árbore, a elegancia e densidade da súa follaxe que proporciona moita sombra, o cheiro suave das súas flores e a súa facilidade ao recorte, fan que sexa un das mellores árbores de ornamento.

A madeira é lixeira, toma ben a tinguidura e foi utilizada para facer esculturas, mobles, en ebanistería, en tornería, para embalaxes e para pasta de papel. É unha árbore que produce un mel excelente. Os indios do seu lugar de orixe facían da súa cortiza cordas e confeccionaban vestidos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)