mainimg
Código: BR014
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico

Tilia platyphyllos Scop.

Nome común en galego

Tileiro de folla grande

Nome común en castelán

Tilo de hoja grande o tilero

Información

Características

Están presentes numerosos exemplares na explanada do aparcadoiro da entrada ao parque, mais polo seu porte destaca o que está situado á entrada, preto da rotonda da nova papeleira de Brandía.

Nesta zona do parque, os tileiros de folla grande forman aliñacións que proporcionan nos meses cálidos sombra aos vehículos aparcados coas súas follas, mentres que no inverno pérdenas. Tamén podemos atopar aliñacións de magnolios (Magnolia grandiflora) que, a diferenza dos tileiros, conservan a folla durante todo o ano.

Orixe e distribución

Importante árbore forestal de Europa e oeste de Asia. Aparece disperso en declives boscoso con estrato herbáceo ben desenrolado xunto con olmos, carballos, pradairos e freixos; ou ben en faiais de montaña sobre chans frescos, básicos e ricos en nutrintes.

Na Península Ibérica distribúese polas cordilleiras Cantábrica,Pirenaica e Ibérica, onde se atopa disperso sen chegar a formar bosques e asociado con faias, abeleiras e capudres. Utilízase en xardinería dende hai tempo. Por exemplo, en 1723 introduciuse nos Xardíns do Palacio de A Granxa de San Ildefonso, e en 1747 Fernando VI ordenou transportar 3.000 tileiros de Andalucía para plantar en Aranxuez.

Descrición

Árbore caducifolia de aspecto impoñente con até 40 metros de altura, copa bombeada e densa e tronco moi recto e groso nos exemplares vellos. Follas simples, alternas, en forma de corazón e algo asimétricas na base, coa marxe serrada e cos nervios moi marcados pola cara inferior; de cor verde intensa pola face e máis clara polo envés.

Flores pequenas, de cor amarelada, moi olorosas, con disposición moi característica agrupadas en ramalletes de 2-5 flores, situados sobre un longo pedúnculo que agroma do nervio medio dunha bráctea grande en forma de lingua. Florece a partir de xuño. Os froitos secos, teñen cinco costelas lonxitudinais e son moi peludos.

É moi parecida a outra especie de tileiro europeo, o tileiro de folla miúda (Tilia cordata), e as dúas poden hibridar facilmente creando o que coñecemos como tileiro europeo (Tilia europaea) que presenta carácteres intermedios entre ambos.

Etimoloxía

Con nome de tilia denominaban aos tileiros os romanos, nome de orixe incerta que algúns fan derivar do grego ptilon (pluma, á), pola bráctea que acompaña á flores. Os gregos chamábanlle ao tileiro philyra, que era o nome da filla de Océano, nai do centauro Chiron, convertida en tileiro por Rea.

O botánico sueco Carlos Linneo, pai da taxonomía moderna, ten o apelido formado por un derivado desta árbore (linn en sueco). O nome específico platyphyllos componse dos vocábulos gregos platys, ancho e plano, e phyllon, follas, facendo referencia ao tamaño e forma das follas. O nome común fai referencia ao tamaño relativo das súas follas fronte ás doutros tileiros.

Usos

Frecuentemente cultivado como árbore ornamental en rúas e xardíns, aínda que é bastante sensible á contaminación atmosférica por po e gases da circulación. Sobre estas árbores medran numerosas especies de liques, considerándose isto como indicadores do grao de pureza do aire.

O porte das árbores adultas é maxestoso, atrae ás abellas e as súas flores e follas ao caer fertilizan o chan. Unter den Linden, baixo os tileiros, é o poético nome que recibe o paseo más emblemático de Berlín, no que hai máis de 1.000 tileiros.

A infusión das súas brácteas e flores coñécese como a tila, unha infusión sedante. A súa codia emprégase en afeccións hepático-biliares e é ademais vasodilatadora e antiespasmódica polo que serve no tratamento de catarros. Moitos meles están elaborados coas flores destes tileiros.

Os tileiros son moi solicitados en Europa central como provedores de madeira, moi clara e branda, polo que resulta especialmente adecuada para tallar e para os traballos de ebanistería. As fibras da súa cortiza interna son fortes e resistentes, polo que serven para fabricar cordas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)