
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Tilia cordata Mill.
Nome común en galego
Tileiro de folla miúda
Nome común en castelán
Tilo norteño, tilo silvestre o tilo de hoja pequeña
Perímetro normal
3 metros
Altura
15 metros
Diámetro de copa
15 metros
Idade estimada
100 anos
Características
Está situado xunto a outro tileiro de folla miúda de menor porte na parte baixa dos Campos Novos, nunha zona na que comeza a escasear o arborado para deixarlle protagonista ás vistas que dende o parque podemos contemplar do centro histórico da cidade.
Orixe e distribución
Está presente de modo silvestre en case toda Europa, dende a Península Ibérica até os Montes Urais, sobre todo en áreas de montaña, formando bosques sobre substratos calizos, dende o nivel do mar aos 1.600 metros de altitude. Con frecuencia medra xunto ás faias, abeleiras, pradairos ou capudres. É a árbore nacional da República Checa.
Descrición
Árbore de até 30 metros de altura, con copa ampla e cortiza parda gretada lonxitudinalmente. Follas alternas, pecioladas, de bordo serrado, co ápice acuminado e coa base asimétrica, o que lles da unha forma xeral acorazonada. As flores reúnense en inflorescencias xunto cunha bráctea alongada soldada na metade inferior do pedúnculo.
É moi parecida a outra especie de tileiro europeo, o Tilia platyphyllos ou tileiro de folla grande, e as dúas poden hibridar facilmente creando o que coñecemos como tileiro europeo (Tilia europaea) que presenta carácteres intermedios entre ambos.
Etimoloxía
Con nome de tilia denominaban aos tileiros os romanos, nome de orixe incerta que algúns fan derivar do grego ptilon (pluma, á) pola bráctea que acompaña á flores. Os gregos chamábanlle ao tileiro philyra, que era o nome da filla de Océano, nai do centauro Chiron, convertida en tileiro por Rea.
O botánico sueco Carlos Linneo, pai da taxonomía moderna, ten o apelido formado por un derivado desta árbore (linn en sueco). Cordata é un epíteto latino referido á forma de corazón das súas follas. O nome común de tileiro de folla miúda fai referencia o tamaño das súas follas en comparación coas doutros tileiros.
Usos
Dáse moi ben en Galicia, polo que o tileiro é unha das árbores máis frecuentes nos xardíns e parques urbanos. O porte das árbores adultas é maxestoso, atrae ás abellas e as súas flores e follas ao caer fertilizan o chan. Unter den Linden (baixo os tileiros) é o poético nome que recibe o paseo más emblemático de Berlín, no que hai máis de 1.000 tileiros.
A infusión das súas brácteas e flores coñécese como a tila, unha infusión sedante. Esta non ten tanta calidade como a producida por outros tipos de tileiros. A súa codia emprégase en afeccións hepático-biliares e é ademais vasodilatadora e antiespasmódica polo que serve no tratamento de catarros. E moitos meles están elaborados coas flores destes tileiros de folla miúda.
A madeira, aínda que bastante porosa é resistente e non se encouza, polo que se emprega en imaxinería e carpintería, para fabricar utensilios como os carretes dos fíos e en instrumentos musicais, especialmente pianos. Tamén serve para elaborar carbón vexetal co que facer pólvora, fabricar cordas coas fibras da súa cortiza e as follas son un bo forraxe para o gando.