mainimg
Código: VA029
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Tilia tomentosa Moench.

Nome común en galego

Tileiro prateado

Nome común en castelán

Tilo plateado

Información

Características

Os tileiros prateados medran, xunto cos plátanos de sombra (Platanus x hispanica) contra o muro de peche do parque cara a rúa de Morón. Forman unha aliñación que serve de pantalla vexetal para illar o terreo do parque do entorno urbano, creando un agradable lugar para os xogos no parque infantil.

Orixe e distribución

Esténdese espontaneamente por Ucraína, conca do Danubio e norte dos Balcáns, mais está introducida en toda Europa dende hai séculos coma árbore melífera e ornamental.

Descrición

É unha árbore vigorosa, de crecemento máis rápido que o doutras especies de tileiros, podendo acadar os 35 metros de altura e 1 metro de diámetro na base do tronco.

As flores son brancas ou amarelentas, que despiden unha peculiar fragrancia. Son melíferas e atraen ás abellas. Están agrupadas en pequenos acios, unidos a unha especie de á chamada bráctea, que axuda na dispersión dos froitos polo vento.

Etimoloxía

Con nome de tilia denominaban aos tileiros os romanos, nome de orixe incerta que algúns fan derivar do grego ptilon (pluma, á) pola bráctea que acompaña á flores. Os gregos chamábanlle ao tileiro philyra, que era o nome da filla de Océano, nai do centauro Chiron, convertida en tileiro por Rea. O adxectivo específico tomentosa débese á pilosidade das súas follas e o nome vulgar ao seu envés prateado.

Usos

Malia non ser de orixe galega, o tileiro é unha das árbores máis frecuentes nos xardíns e parques de Galicia. É unha excelente especie de enfeite polo contraste entre a face e o envés das súas follas, sobre todo cando son abaladas polo vento. O porte das árbores adultas é tamén maxestoso. Unter den Linden (baixo os tileiros) é o poético nome que recibe o paseo más emblemático de Berlín, no que hai máis de 1000 tileiros.

A infusión das súas brácteas e flores coñécese como a tila, unha infusión sedante. A súa codia emprégase en afeccións hepático-biliares e é ademais vasodilatadora e antiespasmódica.

A cortiza interna do tileiro usábana os romanos como pergamiño para escribir. A súa madeira, de cor branca-amarela, é lixeira, moi branda e pouco duradeira mais boa para traballar, da que se teñen elaborado fermosas tallas a finais do século XVII. O seu carbón úsase para fabricar pólvora e debuxar. O seu mel aínda que bo, é de menor calidade có doutros tileiros.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)