
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Tilia tomentosa Moench.
Nome común en galego
Tileiro prateado
Nome común en castelán
Tilo plateado
Perímetro normal
3,8 metros
Altura
24,6 metros
Diámetro de copa
18,1 metros
Idade estimada
100-140 anos
Características
É probablemente o maior tileiro prateado de Galicia, está incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia (código 105A). Atópase no Paseo Central, xunto á Igrexa do Pilar, sendo o máis grande das aliñacións de tileiros e camelias que enchen esta zona do parque. Estas aliñacións, que separan os tres paseos do Campo da Estrela, completáronse no 1884 ao intercalarse camelios (Camellia japonica) entre os tileiros, aportados polos veciños da cidade.
Este tileiro, o máis grande de todos os que forman as filas, amosa excelentes condicións fisionómicas e está cuberto de brións, polipodios e couselos.
Orixe e distribución
Esténdese espontaneamente por Ucraína, conca do Danubio e norte dos Balcáns, mais está introducida en toda Europa dende hai séculos coma árbore melífera e ornamental.
Descrición
É unha árbore vigorosa, de crecemento máis rápido que o doutras especies de tileiros, podendo acadar os 35 metros de altura e 1 metro de diámetro na base do tronco.
As flores son brancas ou amarelentas, que despiden unha peculiar fragrancia. Son melíferas e atraen ás abellas. Están agrupadas en pequenos acios, unidos a unha especie de á chamada bráctea, que axuda na dispersión dos froitos polo vento.
Etimoloxía
Con nome de tilia denominaban aos tileiros os romanos, nome de orixe incerta que algúns fan derivar do grego ptilon (pluma, á) pola bráctea que acompaña á flores. Os gregos chamábanlle ao tileiro philyra, que era o nome da filla de Océano, nai do centauro Chiron, convertida en tileiro por Rea. O adxectivo específico tomentosa débese á pilosidade das súas follas e o nome vulgar ao seu envés prateado.
Usos
Malia non ser de orixe galega, o tileiro é unha das árbores máis frecuentes nos xardíns e parques de Galicia. É unha excelente especie de enfeite polo contraste entre a face e o envés das súas follas, sobre todo cando son abaladas polo vento. O porte das árbores adultas é tamén maxestoso. Unter den Linden (baixo os tileiros) é o poético nome que recibe o paseo más emblemático de Berlín, no que hai máis de 1000 tileiros.
A infusión das súas brácteas e flores coñécese como a tila, unha infusión sedante. A súa codia emprégase en afeccións hepático-biliares e é ademais vasodilatadora e antiespasmódica.
A cortiza interna do tileiro usábana os romanos como pergamiño para escribir. A súa madeira, de cor branca-amarela, é lixeira, moi branda e pouco duradeira mais boa para traballar, da que se teñen elaborado fermosas tallas a finais do século XVII. O seu carbón úsase para fabricar pólvora e debuxar. O seu mel aínda que bo, é de menor calidade có doutros tileiros.