
Zona verde
Parque Carlomagno
Parroquia
San Lázaro
Nome científico
Thuja plicata D. Don
Nome común en galego
Tuia xigante
Nome común en castelán
Tuya gigante, árbol de la vida gigante o cedro rojo del Pacífico
Características
No forte desnivel da ladeira do Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira, dentro do Parque Carlomagno, a vexetación existente consiste nunha pradaría rústica na que medran poucas especies arbustivas. Os alciprestes (Cupressus sempervirens) son das poucas árbores que podemos atopar nesta zona, xunto coas tuias xigantes ou a camelia (Camellia japonica), todas elas especies verdes todo o ano ao ter a folla perenne.
Orixe e distribución
É unha especie moi estendida na costa oeste de América do Norte, dende o sur de Alaska até o norte de California e dende o litoral do Océano Pacífico até as Montañas Rochosas. A túa foi descuberta por David Douglas e introduciuse en Europa en 1853, estendéndose rapidamente polo Continente, amplamente distribuída polo seu valor ornamental.
Descrición
O seu crecemento é rápido, habendo exemplares no seu lugar de orixe que poden chegar a medir 80 metros. En Europa, esta árbore só alcanza de 20 a 30 metros de altura. Pode vivir de 200 a 500 anos e encontráronse exemplares que se cree teñen entre 800 e 1.000 anos de idade. No seu lugar de orixe coñécese como árbore da vida, seguramente por esta lonxevidade.
A codia é parda e delgada. As ramas son numerosas, horizontais ou estendidas, a miúdo colgantes nos seus extremos e conforman unha copa densa e irregular. As follas son escamiformes, agudas e de cor verde brillante, con manchas esbrancuxadas ben notorias na parte inferior. Despiden un olor a limón ou mazá ao rompelas.
As inflorescencias masculinas son avermelladas, e de cor amarela ao abrirse. As femininas son de cor amarela. Ambas as dúas aparecen separadas ao final das podallas do mesmo exemplar. As piñas están formadas por 8 a 12 escamas oblongas e mucronadas no ápice. Cada escama cobre de 2 a 3 sementes, con ás membranosas e laterais.
Etimoloxía
O seu nome xenérico procede do vocábulo latino thya, substantivo utilizado para designar unha árbore odorífera. Este vocábulo foi convertido en thuja na ortografía xermánica, xa que a tuia oriental (Thuja orientalis) una especie procedente de Asia, se cultivou en Holanda dende o século XVIII, introducida polo médico e botánico alemán Engelbert Kaempfer.
O nome específico plicata fai alusión ás follas aplicadas sobre as podallas. Acompaña a moitas outras especies e refírese as follas dobradas adiante e atrás lonxitudinalmente como un abano, como as de moitas especies de palmeiras.
Usos
É unha árbore ornamental en xardinería e topiaria, empregándose en parques e en peches vexetais. Ten unha madeira aromática, resistente á humidade e doada de traballar, polo que ten extensa utilización comercial.
Os indios americanos usábana para levantar os seus tótems monumentais, ás veces realizados sen derrubar a árbore, manténdoa viva. Tamén a utilizaban para facer todo tipo de construcións e trebellos, tecían a casca para facer roupa, cordas e redes, e baleiraban o madeiro para construír canoas coas que saír ao mar a pescar.