mainimg
Código: PR130
-
Patrimonio
Localización

Barrio

Conxo

Parroquia

Conxo

Información

Tipoloxía

Túnel

Historia

O terreo base sobre o que se asenta a vía ferroviaria denomínase infraestrutura, explanación ou plataforma. Compóñena, á parte de numerosas obras de defensa como muros de contención e sostemento, drenaxes ou saneamentos, as denominadas obras de fábrica. Son aquelas que se realizan para salvar os obstáculos naturais do terreo, como os túneles, pontes, viadutos ou os pasos a distinto nivel.

O túnel nace da necesidade de superar un obstáculo natural, xeralmente un macizo montañoso, mais ademais das montañas existen outras barreiras que se poden salvar mediante túneles como os cursos de auga, fluviais ou mariños, e as zonas urbanas densamente edificadas nas que a miúdo se incorporan túneles.

A arte dos túneles fúndese nas súas orixes co da minería. A mina máis antiga que se coñece no mundo localízase no cerro de Bomvu, en Suacilandia, e data do ano 40.000 a.C.. Nela o home de Neandertal minaba hematites, moi apreciadas para os seus ritos mortuorios.

Ao longo da historia e no seo de distintas culturas construíronse túneles con distintos motivos. Tanto no antigo Exipto como nas culturas orientais, o túnel tivo un marcado carácter relixioso, mentres que en zonas como as Terras de Canaan (século X a.C.) o propósito non é místico ou relixioso senón hidráulico, xa que tiñan como fin o abastecemento ás cidades e a captación de augas.

Estas obras perforábanse baixo terra por varios motivos, mais o principal era evitar que un ben tan prezado e escaso como a auga se evaporara como consecuencia das altas temperaturas que se alcanzaban nesas rexións.

O primeiro enxeñeiro de túneles coñecido foi Eupalinos de Megara, que construíu, na Illa de Samos, un túnel dun quilómetro de lonxitude no ano 530 a.C., que servía para o abastecemento de auga á capital da illa.

Durante o Imperio Romano realizáronse túneles para as galerías mineiras, para abastecemento de auga, para rede de sumidoiros, para a drenaxe de lagos volcánicos, nas calzadas romanas, túneles de propósito militar e as catacumbas.

Na Idade Media, os túneles perden esa potencia como obras vigorosas de enxeñería civil e derivan en galerías e pasadizos en castelos e fortalezas. O Renacemento marca o rexurdir destas obras de enxeñería, mais é no século XVIII cando xorde a Era das Canles, e dentro dela os túneles comezan a adquirir peso propio na unión dos mares.

O 27 de setembro de 1825 iníciase un movemento revolucionario coa introdución do primeiro tren traccionado por unha locomotora de vapor creada por George Stephenson, na liña Stockton-Darlington, en Inglaterra. O ferrocarril, tamén coñecido co nome de camiño de ferro, é froito dun prolongado proceso iniciado a mediados do século XVII para o transporte de carbón nas minas de Inglaterra e Alemaña.

Na Era dos Ferrocarrís, de novo os túneles tiveron gran auxe, nunha denodada loita do home por dominar a arte de perforar a terra. Primeiro con dinamita e despois con nitroglicerina, e incorporando progresivamente maquinaria e procedementos construtivos a partir dos cales o esforzo manual vai cedendo en prol dunha incipiente mecanización.

O primeiro túnel de ferrocarril foi o de Terre-Noir en Francia, construído en 1826, con 1476 metros de lonxitude, 5 metros de altura e preto de 3 metros de anchura. Os primeiros túneles ferroviarios de Galicia construíronse para a liña Cornes-Carril, inaugurado o 15 de setembro de 1873.

Os seguintes avances na construción de túneles foron debidos a diversas causas. A electricidade propiciou a aparición dos ferrocarrís soterrados, o metro; as centrais de enerxía deron lugar aos túneles para arrefriado de auga e para condución de cables; o motor de explosión interna conduciu ao desenvolvemento das estradas. Son innumerables os túneles construídos desde entón até a actualidade, así como as melloras nas técnicas e elementos construtivos.

Descrición

Baixo a vía do ferrocarril, paso para os peóns e canalización para o río Sar.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)