mainimg
Código: AL028
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Nyssa sylvatica L.

Nome común en galego

Tupelo

Nome común en castelán

Tupelo

Biometría

Perímetro normal

1,2 metros

Altura

8 metros

Diámetro de copa

7 metros

Idade estimada

50 anos

Información

Características

Está situado preto do Estanque do Ollo do Paseo da Ferradura. É o único exemplar de esta especie presente no Parque da Alameda.

Orixe e distribución

Encóntrase nos bosques húmidos do sur de Canadá, centro e este de Estados Unidos, México e Mesoamérica. Nace a unha altitude de entre 1.000 e 2.500 metros sobre o nivel do mar, xunto a Pinus, Quercus e Liquidambar.

Esta especie foi descrita polo botánico estadounidense Humphrey Marshall na súa obra Arbustrum Americanum en 1785, época na que se introduciu en Europa.

Descrición

É unha árbore caduca de crecemento relativamente rápido que non alcanza gran lonxevidade. Alcanza até 20 metros de altura, co madeiro recto e a codia grosa, con gretas verticais que se desprenden en placas cadradas. Ten as ramas flexibles, algo péndulas e coas podallas delgadas.

As follas son simples, alternas, coriáceas, elípticas e cos bordos enteiros e ondulados. Miden de 5 a 15 centímetros de lonxitude, o feixe é de cor verde escuro relucente e o envés glauco e pubescente. Durante o outono adquiren unha coloración rechamante de cor escarlata, amarela e púrpura.

As flores, verdosas e pequenas, dispóñense en acios nas axilas das follas entre abril e xuño. Os froitos teñen cor azul escura, dispóñense en grupos de 2 ou 3 e maduran de setembro a outubro. Son comestibles, mais moi amargos, polo que normalmente os consumen os paxaros e animais.

Etimoloxía

Nyssa é o nome dunha ninfa grega que habitaba nas augas, en alusión ao hábitat natural desta especie. A denominación específica sylvatica fai referencia aos seres que crecen nos bosques. Co apelativo tupelo coñécese esta árbore no seu lugar de orixe.

Usos

A madeira é branda, pesada e non é duradeira en contacto co chan. Foi empregada para facer caixas, cestos, algúns mobles e outros utensilios. Os primeiros colonos americanos utilizaron esta madeira para facer recipientes onde transportar auga de sal.

É unha árbore moi ornamental polas súas follas de cor verde, máis rechamante en outono polas súas tonalidades coloreadas. É unha planta melífera, xa que aínda que non ten flores moi vistosas, son unha excelente fonte de néctar para as abellas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)