
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Ulmus glabra Hudson
Nome común en galego
Ulmeiro de montaña
Nome común en castelán
Olmo montano, olmo de monte o olmo de montaña
Características
Está situado na parte superior do Parque Eugenio Granell, na explanada que sirve como aparcadoiro. Aínda que medra illada, sen formar parte de bosquetes nin aliñacións, está acompañado doutros ulmeiros de montaña que ocupan os bordos do espazo destinado aos vehículos. Nesa zona tamén están plantadas outras especies arbóreas coma ulmeiros siberianos, salgueiros choróns e pradairos.
Os ulmeiros de montaña do aparcadoiro do Parque Eugenio Granell teñen a particularidade de estar enxertados e modificados para conseguir un curioso porte péndulo. Esta característica tamén a podemos atopar nos ulmeiros de montaña que medran no Paseo da Ferradura da Alameda.
Orixe e distribución
Esténdese polo norte de Europa e polo leste até os Montes Urais. Habita no terzo norte da Península Ibérica, chegando ao Maestrazgo, o Sistema Ibérico e determinados puntos do Sistema Central. Polo sur alcanza as serras de Cazorla, Segura e o Calar del Mundo.
Trátase dunha árbore escasa no noso territorio, que medra habitualmente disperso ou en pequenos grupos en bosques mixtos, faiais ou abetais, sempre en ambientes de pouca luz. Prefire os chans frescos e pedregosos, ao pé de cantís e beiras dos ríos, medrando dende o nivel do mar até os 1.800 metros de altura.
Descrición
O ulmeiro de montaña pode alcanzar os 40 metros de altura. Posúe unha copa alta, frecuentemente dividida, de silueta obovada e amplamente desenrolada nos exemplares en estado natural. Ten o tronco moi ramificado, coa cortiza lisa e plana, de cor gris.
É o que ten as follas máis grandes dos ulmeiros ibéricos, de até 18 centímetros de longo por 13,5 centímetros de ancho. Son caducas, simples, alternas, serradas, de contorna ovalada ou lanceolada, co ápice moi apuntado, aínda que a miúdo está flanqueado por dous picos laterais. A base das follas é moi asimétrica, de tal xeito que un dos lóbulos basais adoita ocultar o pecíolo, que é tan pequeno que as follas parecen estar sentadas directamente sobre as pólas.
A polinización faise polo vento e as flores son pouco vistosas. Os froitos saen antes que as follas e son secos. Trátase dunha semente de tipo sámara, que conta cunha envolta membranosa a modo de á para favorecer a súa dispersión polo vento.
Etimoloxía
O nome de ulmeiro mantívose dende os romanos e crese que deriva do termo celta elm. Ulmus é o nome latino empregado para referirse tanto aos ulmeiros como á súa madeira. Glabra alude a que a súa cortiza é lisa, alomenos nos primeiros anos do seu crecemento. O nome común alude á súa predilección polas montañas.
Usos
A madeira é de escasa calidade, e se emprega en carpintería ordinaria, mangos de ferramentas e outros utensilios. Tamén se utiliza como leña. A cortiza ten propiedades adstrinxentes, foi empregada pola súa riqueza en taninos e como sudorífico. Así mesmo, o mucílago que desprenden os brotes tenros, era considerado como un dos mellores remedios contra as queimaduras.
A diferenza do ulmeiro común, esta especie salvouse de ser decimada pola grafiose, quizais polo illado das súas poboacións e a súa ecoloxía. Sen embargo, atópase nos catálogos de flora ameazada e protexida das comunidades de Andalucía, Castela A Mancha, Madrid, Murcia e Valencia.
Durante a Primeira Guerra Mundial detéctanse en Holanda os primeiros brotes dun fungo que afecta de maneira mortal e fulminante aos ulmeiros: a grafiose. Os indicios apuntan a unha procedencia asiática, onde as árbores presentan unha maior resistencia á enfermidade, e estendeuse por toda Europa e América do Norte. En 1921 descóbrese o axente causal, un fungo parasito (Ceratocystis ulmi) que invade os vasos condutores da árbore, obstruíndoos e causándolle a morte en pouco tempo. O vector que transmite a enfermidade é o escaravello Scolytus sp., que escava un labirinto de galerías baixo a cortiza onde deposita os seus ovos e, sen sospeitalo, tamén as esporas do fungo. Os curiosos debuxos que forman estas galerías son, precisamente, de onde xurde o nome de grafiose. Na Península Ibérica prodúcese o primeiro gran brote a principios dos anos 80, e a día de hoxe desapareceu entre o 80 e o 90 % dos ulmeiros que outrora poboaban o territorio.