
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Ulmus pumila L.
Nome común en galego
Ulmeiro siberiano
Nome común en castelán
Olmo de Siberia
Características
Sitúase na parte alta da ladeira existente entre o Paseo das Letras Galegas e os xardíns do Monumento a Manuel Ventura Figueroa. É doado de localizar se buscamos á esquerda do Miradoiro do Campus Universitario.
Orixe e distribución
Este ulmeiro procede de Asia central, Siberia oriental, Manchuria, norte de China e Corea. Introduciuse dende a rexión de Pequín a Europa cara a 1771, mais a súa gran difusión tivo lugar a principios do século pasado, como substitutivo dos ulmeiros europeos afectados pola grafiose, xa que esta especie é resistente a esta enfermidade.
Vive en calquera tipo de chans, aínda que os prefire profundos, lixeiros e fértiles. Require luminosidade e precisa de certa humidade constante para o seu crecemento, polo que soe aparecer de modo natural formando grupos próximos aos cursos de auga.
Descrición
É unha árbore que pode alcanzar os 25 metros de altura, aínda que xeralmente non supera o 10 metros. A copa é clara e pouco espesa, a cortiza rugosa e de cor parda, e posúe un sistema radical moi desenvolvido. A súa abundante ramaxe fai que sexa moi propenso a crebarse.
É unha árbore fácil de distinguir debido ás súas follas, de bordo serrado e divididas en dúas metades desiguais, separadas polo nervio central. Moitos dos exemplares considerados como ulmeiro de Siberia son en realidade híbridos de Ulmus minor con Ulmus pumila, polo que poden aparecer follas máis ou menos asimétricas se predomina o primeiro sobre o segundo.
Na primavera, antes que saian as follas, os ulmeiros producen unhas flores pequenas e verdes que dan orixe a un froito de tipo sámara, coa semente rodeada dun tecido fino que lle serve como á para poder ser dispersada polo vento.
Etimoloxía
O nome de ulmeiro mantívose dende os romanos e crese que deriva do termo celta elm. Ulmus é o nome latino empregado para referirse tanto aos ulmeiros como á súa madeira. O nome específico pumila procede do vocábulo latino pumilus, pequeno, facendo referencia a que é un dos ulmeiros que alcanza menor tamaño. O nome común alude á súa orixe xeográfica en Siberia.
Usos
A madeira é de escasa calidade, e se emprega en carpintería ordinaria, mangos de ferramentas e outros utensilios. Tamén se utiliza como leña. A cortiza ten propiedades adstrinxentes, foi empregada pola súa riqueza en taninos e como sudorífico. Así mesmo, o mucílago que desprenden os brotes tenros, era considerado como un dos mellores remedios contra as queimaduras.
É moi empregado como árbore ornamental pola súa abundante sombra e, ás veces, aparece con porte chorón. Desprazou ao ulmeiro común por tolerar ben os ambientes contaminados das cidades e ser máis resistente á grafiose.
Durante a Primeira Guerra Mundial detéctanse en Holanda os primeiros brotes dun fungo que afecta de maneira mortal e fulminante aos ulmeiros: a grafiose. Os indicios apuntan a unha procedencia asiática, onde as árbores presentan unha maior resistencia á enfermidade, e estendeuse por toda Europa e América do Norte. En 1921 descóbrese o axente causal, un fungo parasito (Ceratocystis ulmi) que invade os vasos condutores da árbore, obstruíndoos e causándolle a morte en pouco tempo. O vector que transmite a enfermidade é o escaravello Scolytus sp., que escava un labirinto de galerías baixo a cortiza onde deposita os seus ovos e, sen sospeitalo, tamén as esporas do fungo. Os curiosos debuxos que forman estas galerías son, precisamente, de onde xurde o nome de grafiose. Na Península Ibérica prodúcese o primeiro gran brote a principios dos anos 80, e a día de hoxe desapareceu entre o 80 e o 90 % dos ulmeiros que outrora poboaban o territorio.