
Zona verde
Campus Universitario Sur
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Conxunto escultórico
Cronoloxía
2007
Autor
Acisclo Manzano
Descrición
Entre 1936 e 1942 corenta e catro docentes universitarios e cinco administrativos foron expulsados da Universidade Galega por razóns ideolóxicas. A ditadura franquista realizou unha purga da institución durante a Guerra Civil española levando por diante as carreiras e proxectos de vida de numerosos académicos. Un patrimonio humano que viu truncadas as súas aspiracións e que foi relegado, xunto con todo o seu traballo intelectual, á indeferenza ou ao exilio. A peza está instalada na Praza de Rodríguez Cadarso, reitor na Segunda República, rodeada dos Colexios Maiores.
O conxunto escultórico, realizado en ferro, trata de representar un remuíño que esparexe no ar os devezos e pensamentos de todas aquelas persoas que foron expulsadas da universidade polo Réxime. Unha espiral composta de pranchas metálicas de diferentes alturas con perforacións desgarradas que, segundo o propio autor, representan anxos e deuses protectores da sapiencia que foxen voando do lugar. O expresionista escultor ourensán, que ten como referentes fundamentais a Fidias e ao Mestre Mateo, modela de forma sincrética a idea no espazo como unha testemuña necesaria na Memoria Histórica.
Bibliografía
Micropatrimonio de Compostela - Escultura Contemporánea. Concello de Santiago e Compostela Cultura, 2019