
Zona verde
Xardín do Colexio de Fonseca
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Callistemon speciosus (Sims) Sweet
Nome común en galego
Vasoira de botella
Nome común en castelán
Limpiatubos, cepillo limpabotellas o hisopo
Características
Pequeno arbusto con porte arbórea situado na parede do fondo do xardíns, preto das escaleiras de pedra do Colexio de Fonseca e o lárice (Larix kaempferi).
Orixe e distribución
Orixinario do sur e sueste de Australia, Tasmania e Nova Caledonia. Os primeiros exemplares de Callistemon foron introducidos por primeira vez en Europa por Joseph Banks, no último terzo do século XVIII, como plantas ornamentais nos xardíns ingleses.
Trátase dun arbusto moi resistente, que necesita un chan acedo, rico e fresco. É capaz de soportar períodos de seca, mais non aguanta as xeadas fortes.
Descrición
Arbusto perennifolio caracterizado polas súas inflorescencias, en forma de densas espigas vermellas moi decorativas, parecidas aos cepillos cilíndricos ou a hisopos. Son espigas terminais, formadas por centos de pequenas flores de cor vermella, con longos estames. Florece dende finais da primavera até o outono. En áreas moi favorables florece irregularmente durante todo o ano.
De pequeno tamaño, alcanzan entre 2 e 3 metros de altura, chegando excepcionalmente até os cinco metros. Ten a cortiza rugosa e de tonalidade escura. As follas son dun ton verde grisáceo, lanceoladas, de entre cinco e sete centímetros de longo. Son alternas, co pecíolo curto e cun nervio central prominente.
Os froitos son pequenas cápsulas leñosas que se agrupan en forma de acio e persisten longo tempo na planta. As sementes presentan unha forma angulosa, comprimidas, diminutas (1 mm de longo), de cor café e moi delgadas.
Etimoloxía
O nome callistemon provén das palabras gregas kallos (belo) e stemon (estame). Precisamente é a parte masculina da flor a que a fai tan rechamante: os longos e abundantes filamentos vermellos que a forman son precisamente estames. Speciosus é un epíteto latino que significa rechamante.
O nome popular recíbeo polo parecido dos seus inflorescencias coa vasoira para limpar botellas.
Usos
A vasoira de botella ten aplicacións terapéuticas semellantes ás do eucalipto (Eucaliptus globulus), como broncodilatador, expectorante e antiséptico. Mais o seu uso máis común é o ornamental, cultivándose amplamente para ornamentar xardíns. Tamén pode cultivarse en interior, plantándose en maceta. Adoita ter un porte desordenado e mesmo hai variedades choronas, mais pódeselle dar forma e gañar densidade coa poda. Existen cultivares moi ornamentais, moitos deles híbridos, e tamén moi decorativos.