mainimg
Código: EG030
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Eugenio Granell

Barrio

Pontepedriña

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Salix viminalix L.

Nome común en galego

Vimieiro ou vimbieira

Nome común en castelán

Mimbrera blanca, mimbre

Información

Características

Nas ripisilvas dos ríos galegos adóitanse atopar certas especies arbóreas que medran sempre nas beiras: ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix sp.) e freixos (Fraxinus sp.). As beiras do río Sar, ao seu paso polo Parque Eugenio Granell non son unha excepción, xa que tamén contan coa presenza estas árbores xunto á auga. Este vimieiro sitúase a carón da Senda Peonil Río Sar, preto da Ponte do Parque Novo Milenio.

Orixe e distribución

Os salgueiros son un xénero que presenta numerosas variantes que lle permitiu estar presente en amplas zonas do planeta, dende Europa a Xapón, pasando por África e América, sen grandes preferencias polo tipo de solo, mais moi esixentes en auga, polo que ocupan sempre zonas húmidas.

Os vimieiros son orixinarios de Europa e Asia, mais non son autóctonos na Península Ibérica, senón que foron introducidos como planta de cultivo, o que favoreceu que se naturalizara e apareza en terreos húmidos e movidos. Con frecuencia medra xunto aos cultivos de veiga e horta, así como nas beiras de ríos, regatos, prados e zonas húmidas.

Descrición

Arbusto ou arboriña caducifolia e dioica, que pode chegar até os 10 metros de altura. As pólas son moi longas, delgadas e flexibles, de cor amarelento. As follas son simples, alternas e estreitas, de forma linear ou lanceolada e rematadas en punta alongada. A marxe e enteira, a face de cor verde e liso, mentres que o envés é brillante e con algo de pelo, co nervio ben marcado.

As flores nacen agrupadas en longos filamentos chamados amentos. É unha especie dioica, polo que hai pés masculinos que producen moito pole para fecundar por medio do vento ás flores situadas nas árbores femininas, que darán lugar aos froitos. Estes son cápsulas que ao madurar abren en dúas valvas para liberar numerosas sementes lanosas, pois a dispersión tamén é anemócora, aproveitando o vento.

Etimoloxía

O nome xenérico salix é o vocábulo latino para designar a estas árbores, que segundo algúns autores deriva da raíz indoeuropea sal (gris ou sucio), pola cor que adquiren as follas nalgunhas especies. O epíteto específico viminalis procede do latín vimen, -inis (vimbio).

Usos

O vimieiro foi cultivado dende antigo para a obtención de vimbios longos, rectos e de excelente calidade cos que confeccionar artigos de cestería e mobiliario. Tamén se emprega para atar feixes e as cepas nas viñas. O vimbio emprégase con estes usos dende hai miles de anos, xa na Biblia cóntase como Moisés apareceu nas augas do Nilo nun berce de vimbio durante o reinado de Ramsés II.

A codia de salgueiro foi mencionada en antigos textos de Asiria, Sumeria e Exipto como un remedio contra as dores e febre. O médico grego Hipócrates escribiu acerca das súas propiedades medicinais cara o século V a.C.

O extracto activo da codia chamado salicina, foi illado na súa forma cristalina en 1828 polo farmacéutico francés Henry Leroux e o químico italiano Raffaele Piria, que tiveron éxito en separar o ácido no seu estado puro, a salicina. En 1897 Felix Hoffman crea unha versión sinteticamente alterada (neste caso derivada da planta Spiraea), que era menos problemática para a dixestión que o ácido salicílico puro. A nova substancia, foi nomeada Aspirina por Bayer, clasificándose como medicamento non esteroideo antiinflamatorio.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)