
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Parque patrimonial
Cronoloxía
2015
Historia
A Carreira do Conde está situada ás aforas da antiga cidade de Compostela, xunto ao Campo da Estrela e o Camiño Real, que partía da Porta Faxeira cara Padrón. Recibe este nome de Carreira do Conde por ser unha carreira, ou camiño estreito polo que pasan os carros, nuns terreos que eran propiedade do Conde de Altamira. Outros autores falan de que o nome vén de cando o Conde de Altamira patrocinaba neste lugar as carreiras de cabalos que se celebraban nas festas de San Roque.
O crecemento urbano desta zona viuse limitado polo Parque da Alameda, un espazo que no 1546 foi cedido polos Condes de Altamira ao Concello, a condición de que fose o que hoxe coñecemos como un espazo verde público. A cidade extramuros medrará polos laterais do Parque da Alameda, na rúa do Pombal e na Carreira do Conde, onde vaise formalizando un arrabalde unido ao que en 1575 denomínase xa como Barrio Novo da Senra. Ao longo do tempo, esta zona sufriu numerosas modificacións:
- Edificación da Igrexa do Pilar, consagrada en 1717, e derribo da súa sancristía anexa en 1780.
- A construción en 1742 de dos cuarteis, o Cuartel de Compostela no barrio de Casas de Compostela, tras a Igrexa do Pilar, e o Cuartel de Santiago, xunto ás Casas da Carreira do Conde. Estes cuarteis substituían ao que había xunto ao Convento de Santo Agostiño, e a súa existencia está constatada até 1814 pola súa aparición en diversos planos.
- Intervención no Camiño Real a finais do século XVIII, separándoo definitivamente da Carreira do Conde e evitando o paso dos carros por esta rúa, que é acondicionada.
Os problemas de incomunicación desta rúa coa súa contorna veñen de moitos anos atrás. Xa en 1814 os veciños solicitan a construción de ramplas de comunicación no desnivel existente entre a Carreira do Conde e a Alameda, para paliar a incomodidade para acceder ao atrio da Igrexa do Pilar, tendo que dar un longo rodeo cara os bordes desta prolongada rúa. Tamén hai varias solicitudes porque nesta rúa non existía ningunha fonte nin depósito de auga, polo que había que desprazarse até a do Campo de Santa Susana, situada fronte ao Colexio de San Clemente.
Esta situación cambiará cando en 1898 decídese acometer o plano do ensanche nos terreos que ocupaban os Agros da Carreira, entre a estrada do Hórreo, a Senra e o Campo da Rapa da Folla. As primeiras construcións realízanse nos térreos das hortas e xardíns das traseiras das casas das rúas da Senra e Carreira do Conde. Tamén re remodela o canellón de Matacáns (hoxe Xeneral Pardiñas) e o Campo de Rapa da Folla (antes coñecido como barrio da Piolla).
Na esquina de Carreira do Conde e o canellón de Matacáns estaba, desde 1904, o edificio novecentista no que residía Pais Lapido, con planos de Álvarez Reyero. En 1922, os doutores Baltar Cortés e Varela Radio trasladan aquí o seu sanatorio quirúrxico, aberto en 1908 no Cruceiro do Gaio. Tras o seu peche en 1963, derrubarase este edificio para construír a actual rúa do Xeneral Pardiñas.
Actuacións
A Carreira do Conde era unha rúa con circulación de tráfico e lugares de estacionamento de vehículos en ambos lados da vía até 2014, cando o Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia asinaron un convenio que permitiría peonalizar o espazo e mellorar a súa integración co Parque da Alameda. Os traballos comezaron a executarse durante o ano 2015.
As obras de humanización das rúas compostelás son un exemplo de aposta pola mobilidade urbana que conta con numerosos beneficios: ambientais, de calidade de vida, diminución dos ruídos, menos contaminación, máis espazo para os cidadáns e menos para os vehículos, que ceden o seu tradicional protagonismo nos novos espazos urbanos. Este tipo de experiencias, non só en Santiago senón en moitas outras cidades do mundo, demostran que as rúas peonís convértense en zonas atractivas para os cidadáns e, polo tanto, tamén para o comercio.
Para lograr esta humanización era necesario solucionar os problemas de accesibilidade que historicamente estaban ligados a esta zona da cidade, caracterizada polos desniveis e itinerarios escalonados. As obras de reurbanización tiveron como obxectivo principal a mellora das condicións de habitabilidade da rúa, cambiándolle completamente o pavimento e converténdoa nunha rúa peonil. Ademais, axustáronse os percorridos existentes á posición real dos pasos de peóns, eliminando os desniveis non protexidos e facilitando o acceso á rúa desde as escaleiras. Non obstante, manterase a escaleira á altura da Igrexa do Pilar, por ser un elemento patrimonial catalogado.
Era preciso facer unha intervención respectuosa que conservase o patrimonio histórico urbano asociado a esta parte da cidade, polo que nesta actuación utilizouse tanto pedra nova como pedra da contorna reutilizada.
Ademais, as obras permitirían aumentar a superficie axardinada e transformar o conxunto da rúa nunha prolongación da Alameda. Este noiro fora xa replantado en anteriores intervencións, como a de 1986, mais nesta ocasión a zona leste convértese nun novo espazo de estanza no que destaca o valor das fontes existentes como elementos singulares.
Tamén se levaron a cabo actuacións de reparación e mantemento das beirarrúas da avenida Xoán Carlos I que lindan co Parque da Alameda, nas que se instalou unha nova pavimentación e mellorouse a accesibilidade. A redución do costo de mantemento mediante a utilización de materiais pétreos e formas compactas foi outro dos valores engadidos desta intervención.
Descrición
O Xardín da Carreira do Conde é un área situada no inicio do casco histórico, que consiste no axardinamento do noiro resultante debido ao desnivel que separa a rúa da Carreira do Conde e a avenida Xoán Carlos I. A súa morfoloxía queda definida pola condición inclinada do terreo, adoptando os seus xardíns unha forma alongada paralela á das rúas da contorna.
O xardín conta con itinerarios adaptados e practicables en todos os percorridos, especialmente os que salvan o desnivel do noiro axardinado. Ten varios puntos de conexión inseridos en diferentes puntos do xardín, consistentes en escaleiras ou ramplas na rúa da Rapa da Folla, diante da Igrexa do Pilar, na rúa Xeneral Pardiñas e na rúa da Senra.
Ademais, creouse un novo deseño axardinado para configurar o espazo de estancia con zonas ambientais diferenciadas, onde o máis destacado é a aliñación de sete palmeiras canarias (Phoenix canariensis), catro das cales conta na súa base cun sebe baixo de forma circular que define o perímetro arredor destas árbores. As aliñacións de palmeiras son frecuentes en Galicia desde hai máis dun século. Están presentes na zona frontal das casas de indianos e en espazos axardinados coma na Praza de Amboaxe de Ferrol, plantadas en 1915, ou nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, cunha dobre aliñación de 57 exemplares centenarios presentes no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.