
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Os xardíns dos pazos e das casas señoriais galegas incrementaban o rango simbólico destas moradas como arquitectura de ostentación do poder e status da familia residente. Servían como espazo de respecto, para incrementar o efecto da arquitectura do edificio principal nos visitantes, complementar o resto da vexetación hortícola e forestal do terreo, e para engadir un lugar de ocio, recreación e esparexemento.
Estes xardíns centrábanse no cultivo de especies ornamentais e exóticas, entre as que destacaba o uso da camelia. Tamén aparecen diversas plantas procedentes de afastados países, que chamaban a atención pola súa floración ou pola coloración das súas follas.
Este afán por adornar as casas con plantas alóctonas redundou na gran riqueza botánica dos xardíns, facilitado polo clima oceánico e a fertilidade do chan galego, que permitía o crecemento das plantacións máis variadas.
Descrición
Os xardíns que rodean a Casa Europa destacan pola súa variedade arbórea e arbustiva, con especies vexetais seleccionadas polo valor ornamental do seu porte, as súas follas, flores ou froitos.
Aos lados do camiño de acceso ao parque destaca a presenza de especies arbustivas tapizantes de gran valor ornamental debido ás flores e froitos:
- Azalea (Rhododendrum spp.): pequeno arbusto asiático que destaca pola súa floración primaveral, moi melífera polo que é frecuente atopar abellas libando das flores.
- Roseira (Rosa sp.): arbusto procedente das rexións temperadas e subtropicais do hemisferio Norte. Moi valorado polas súas aromáticas flores.
- Griñoleira de Dammer (Cotoneaster dammeri): arbusto perennifolio chinés que florece a finais de verán mais destaca principalmente no outono polos seus froitos vermellos.
Xunto ao cruceiro atopamos a nota exótica coas pitas (Agave americana) e a dracaena (Cordilyne australis). Numerosos arbustos de flor ocupan esta zona, sobre todo especies que na primavera énchense de flores brancas como a deucia (Deutzia x magnifica), filadelfa (Philadelphus coronarius) e as espireas (Spiraea sp.). Xunto a elas, aparecen plantas que florecen na primavera con outras cores, como o rosa das veixelas (Weigela florida) e os rododendros (Rhododendrum ponticum), ou as fermosas flores amarelas das kerrias (Kerria japonica).
Xunto ao hórreo atopamos as fermosas camelias (Camellia japonica), coa súa floración invernal e o lourentino (Viburnum tinus), con corimbos de flores brancas entre inverno e primavera, e os froitos en forma de drupa azul en verán e outono.
No lateral da Casa Europa localízase un pequeno piñeiral formado por piñeiros bravos (Pinus pinaster), acompañados de castiñeiros das Indias (Aesculus hippocastanum) e un cedro do Himalaia (Cedrus deodara). Están rodeados dun sebe de hortensias (Hydrangea macrophyllia) e azaleas (Rhododendrum spp.) que bordean o camiño cara a porta de Galeras.
Na zona da galería da residencia están situados diversas especies ornamentais que destacan pola súa floración, como o lilo (Syringa vulgaris) ou a madreselva (Lonicera nitida). Tamén hai outras de fermosas follas, como o loureiro xaponés (Aucuba japonica) o evónimo (Euonymus japonicus) ou a iuca (Yucca aloiflora).