
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Xardín urbano
Cronoloxía
2004
Historia
Esta zona está moi vinculada ao camiño que leva cara Padrón, a carón do cal fundouse na primeira metade do século XII o lazareto de Santa Marta para mulleres leprosas, baixo o arcebispado de Diego Xelmírez. Os hospitais que acollían aos pobres e peregrinos situábanse dentro da cidade, mais os que trataban aos enfermos contaxiosos localizábanse nas aforas, afastados para evitar a propagación por medio do contacto cos veciños. A leprosería de San Lázaro estaba reservada aos homes, a uns dous quilómetros da cidade polo Camiño Francés, mentres que a unha distancia similar polo Camiño Portugués estaba a de Santa Marta.
A pesar do medo ao contaxio sábese que os leprosos non sempre tiveron un illamento estrito, pois as leproserías se situaban nos camiños principais da cidade, polos que transitaban continuamente viaxeiros, arrieiros e peregrinos. Durante a Idade Media, tanto a leprosería de San Lázaro como a de Santa Marta foron receptores de frecuentes doazóns piadosas, ao igual que os outros trece hospitais existentes na cidade.
En 1929 inaugurouse un campo de deportes na Choupana, onde xogaba o equipo de fútbol local Compostela até que os membros do Comité Federativo acordaron o peche do campo en 1931.
No 1928 decídese construír nos terreos próximos ao Hospicio Vello da Choupana un reformatorio rexional de menores dedicado á memoria de Avelino Montero-Ríos, promotor da Lei de Tribunais para Nenos. Os pavillóns ocuparán o espazo ocupado polo campo da Choupana e irán levantándose lentamente, posto que será en 1932 cando se constrúa o segundo. As demoras na construción fan que, en 1938, os dous pavillóns cambien a súa función tras o abandono do proxecto do reformatorio, e sexan adaptados para Sanatorio Antituberculoso. Este sanatorio, que será ampliado na década de 1950, foi dedicado a Gil Casares.
Actuacións
A Choupana era unha zona moi transitada debido á estrada que a atravesa, de tráfico intenso xa dende hai séculos, que foise incrementando coa aparición dos vehículos de motor. Isto motivou a instalación de servizos de hostalería para satisfacer a demanda dos viaxeiros, e a implantación dun núcleo de poboación nas beiras da estrada.
A zona contaba cun lavadoiro, construído en 1933. Ademais, en 1944 apróbase a realización dun grupo de oitenta vivendas protexidas nos terreos da Choupana que foron entregadas aos primeiros propietarios en 1950. Esta urbanización foi ampliada en 1968, coa aprobación do polígono da Choupana, que xunto co de Pontepedriña tentaban solucionar o problema de vivenda existente nesas datas.
O crecemento do barrio e a formación das súas rúas foi determinante na configuración do Xardín da Choupana. Ademais, a numerosa poboación escolar existente no barrio determina a necesidade de implantar zonas de ocio en contornas naturais. Arredor do Xardín da Choupana podemos atopar un centro de educación infantil, tres de primaria, un de secundaria e outro de formación profesional.
Non soamente se buscan as zonas de recreo para os escolares da zona, senón para todas as idades, polo que foi situado neste espazo verde un conxunto de elementos para facer exercicios biosaudables, dentro dunha campaña de implantación destes elementos nos parques, que comezou hai xa uns anos, e que está a ter moito éxito entre a poboación.
Descrición
Segundo a Real Academia Galega, o termo choupana refírese a unha “casa pequena e ruín construída con madeiras e con teito de palla, canas ou outro material semellante”. É un topónimo bastante frecuente, sobre todo na área de Santiago de Compostela e Mazaricos, e pode referirse a antigas construcións modestas que existían na zona.
O parque actual está marcado pola presenza na contorna da antiga colonia da Choupana, con vivendas sinxelas e baixas situadas en rúas rectas e regulares, a diferenza das antigas casas máis próximas á Capela de Santa Marta, repartidas de maneira máis orgánica e espontánea no espazo. Estas rúas que rodean o espazo ocupado polo Xardín da Choupana denominábanse con letras (rúa C, D, G…), mais cambiaron de nome en 2004, cando un pleno do Concello de Santiago de Compostela resolveu aprobar os novos nomes suxeridos polos veciños.
O espazo do xardín está atravesado por un camiño peonil e unha estrada con circulación de vehículos, que dividen o espazo en tres zonas estanciais, dotadas de mobiliario urbano como bancos de madeira, papeleiras e farois.