
Zona verde
Xardín do Colexio de Fonseca
Parroquia
San Fructuoso
Cronoloxía
2018
Historia
No mes de maio de 2018, o xardín de Fonseca converteuse no receptor deste proxecto, desenvolvido en colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago, seguindo unha idea orixinal do escritor Suso de Toro.
As Pedras que Falan consisten nunha espiral con diferentes pedras nas que están gravadas liñas literarias ou versos inéditos asinados por autores de diferentes países e linguas. Rosalía de Castro foi a autora elixida para gravar a primeira pedra, mentres que a segunda correspóndelle a Seamus Heaney, poeta irlandés gañador do Premio Nobel de Literatura en 1995 e amigo de Suso de Toro, co que tiña falado deste proxecto.
Esta instalación comezou coa colocación das tres primeiras pedras, nas que se len as seguintes palabras:
- Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar (Rosalía de Castro, Follas Novas, 1880)
-The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else the tide won’t wash away (Seamus Heaney, The Spirit Level, 1996)
- Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz. Amor. / Vida. Morte... (Luz Pozo Garza, versos inéditos).
Descrición
A pradaría do pequeno xardín de Fonseca está ocupado por un proxecto artístico consistente nunha espiral de pedras nas que están gravados extractos literarios de diferentes autores e en diversas linguas.
O espazo está preparado para conter 42 pezas de pedra, aínda que como é un proxecto que aínda está activo deberá ir completándose ao longo do tempo. Sen embargo, podemos ver a dimensión da obra completada coa sinalización mediante uns discos de pedra colocados no chan no lugar que ocuparán as futuros laxes.
Este espazo verde tamén alberga a Cápsula do Tempo proxecto Once Uns, unha iniciativa da asociación Sentinel Wardrobe, e no que colabora a Universidade de Santiago de Compostela (USC). A presenza destes dous espazos singulares dentro do parque contribúen á diversificación do seu uso, de xeito que non soamente consista nun enclave botánico onde desfrutar do tempo de lecer senón que combina os seus valores medioambientais con outras funcións culturais e patrimoniais.
Xa son quince os autores e autoras lembrados no xardín. As últimas pedras colocadas cos textos de Olga Novo, Laura Pugno e Moon Chung Hee súmanse aos de Marta Pessarrodona, Kerstin Hensel, Zéno Bianu, Bernardo Atxaga, Ramón María del Valle-Inclán, Antonio Gamoneda, Rosalía de Castro, Seamus Heaney, Luz Pozo Garza, Salvador García-Bodaño, Adonis e José Ángel Valente. Deste xeito, no Xardín xa se poden ler frases en galego, inglés, castelán, catalán, alemán, francés, euskera, árabe, ialiano e coreano.