Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Parque patrimonial
Historia
Entre os elementos singulares que poderemos atopar no Cemiterio da Orde Terceira está un interesante monumento funerario, que conta cunhas placas funerarias en bronce, obra do gravador, pintor e artesán de comezos do século XIX Cayetano Jordán, quen destacou como gran broncista e foi o autor da lápida sepulcral do deán Andrés Acuña y Malvar no claustro da Catedral de Santiago.
Anexo ao cemiterio tamén se atopa a Capela da Orde Terceira Seglar Franciscana de Santiago, obra do recoñecido arquitecto barroco Domingo de Andrade.
Actuacións
No marco do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, o organismo licitou as obras de acondicionamento do Cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público en novembro de 2019.
Entre as intervencións previstas, colocouse unha placa de bronce na entrada do cemiterio, con indicación dos horarios de apertura ao público, e instalouse iluminación en todo o conxunto. Por outro lado, restaurouse a reixa de entrada e demoléronse os tabiques laterais de ladrillo. Mellorouse a carpintería de acceso á sancristía e pintáronse os paramentos revocados.
O pavimento de pedra mellorouse, empregando lousas vellas con xuntas abertas para facilitar o crecemento da herba. A escalinata limpouse e consolidouse. Na plataforma reordenáronse os pavimentos, respectando as laudas existentes. Ademais, tamén se limpou o monumento central e as liñas de nichos. Colocouse unha varanda, tanto na plataforma superior, como na escaleira.
En canto á vexetación, cortouse unha acacia negra situada na entrada debido a que o seu sistema radicular estaba danando o edificio. Tamén se eliminaron as sebes de buxo que se atopan en mal estado e sementouse céspede. Fíxose unha poda xeneralizada de todas as especies arbóreas, ao tempo que se plantaron novas árbores.
Descrición
O cemiterio atópase no Campiño de San Francisco, acaroado á parte traseira da Capela da Orde Terceira e ten acceso desde o propio Campiño por unha porta con reixa situada no sur do muro da casa reitoral-sancristía. Está pechado por un muro de pedra. Polo seu lado leste linda coa casa reitoral e coa capela, polo sur coa Costa de San Francisco e ao leste e oeste coa horta-xardín do Convento de San Francisco.
Na parte meridional da Capela da Orde Terceira localízase a entrada do seu antigo cemiterio. Nas lápidas dos seus panteóns atópanse nomes de diferentes familias compostelás. Unha parte do cemiterio contén nichos dos franciscanos do convento.