
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Parque patrimonial
Cronoloxía
1845
Historia
O pequeno xardín que hai no exterior do Colexio de Fonseca, é o único que se conserva do antigo Xardín Botánico da Universidade de Santiago de Compostela, creado en 1845 no que anteriormente eran as hortas deste edificio. Unha inscrición no lintel da porta de acceso lembra que «SE PROTECTÓ E HIZO ESTE JARDÍN EN EL RECTORADO DEL S.DR. D. JUAN JOSE VIÑAS / AÑO DE 1845».
No ano 1858 había máis de 1.000 especies cultivadas no Xardín Botánico, algunhas das cales eran xestionadas pola Sociedad Económica de Amigos del País e polo Concello de Santiago. Este espazo tiña a finalidade de servir de complemento na investigación e docencia de Botánica, que daquela se desenvolvían nas facultades de Medicina, Ciencias e, posteriormente, dende a súa creación en 1857, na Facultade de Farmacia.
Hoxe é un pequeno xardín que alberga uns poucos exemplares de especies botánicas alóctonas singulares, fai de salvagarda dalgunhas pezas como a cápsula do tempo, unha fonte polilobulada e diversos restos arqueolóxicos. Tamén foi usado puntualmente como lugar de diferentes eventos, como concertos ou exposicións artísticas. No 2008 serviu de espazo para unha exposición pezas do escultor Manolo Paz.
Dende o 2013 permítese o acceso público a este xardíns, nun acordo de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago.
Actuacións
En outubro de 1883, a Xunta de Profesores da Universidade de Santiago acordou que a institución necesitaba toda a superficie do xardín para plantacións propias, polo que solicitou que fosen retiradas as plantas, principalmente as ornamentais, que non eran propiedade da citada institución.
A expansión de edificacións na contorna do antigo Xardín Botánico foi reducindo progresivamente a súa superficie, até que este desaparece como tal. Deste xeito, o Campo das Esterqueiras, actualmente avenida de Rodrigo de Padrón, foi remodelado en 1945.
Apenas sufriu cambios dende a súa apertura ao publico en 2013. Tan só se colocou mobiliario urbano consistente principalmente en bancos de metal e madeira.
Descrición
Este pequeno xardín está situado ao final da Travesa de Fonseca, xunto ao edificio de Correos e preto da Comisaría de Policía. Ocupa un pequeno espazo murado, co centro ocupado por unha fermosa fonte de pedra, sendo atravesado por un único camiño que conecta o vano de entrada na muralla, coa porta traseira do Colexio de Fonseca.
Nas beiras deste espazo verde hai aliñacións e agrupacións de arbustos e plantas de temporada, como leptospermos, azaleas, evónimos, camelias, hebes e espireas.