
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Historia
O Xardín dos Frades era a antiga horta de plantas medicinais do convento, hoxe recuperada na rehabilitación do parque levada a cabo por Álvaro Siza e Isabel Aguirre en base a un plano antigo da cidade na que se pode observar a súa traza.
Colocado xunto ao edificio do convento, o Xardín dos Frades era unha horta de plantas medicinais e aromáticas, polo que estaba preto da botica dominica. Mediante estas plantas curativas, os frades atendían aos enfermos que acudían a Bonaval na procura da axuda dos relixiosos.
A disposición regular do xardín provén principalmente da topiaria, unha técnica que permite ornamentar os xardíns dando formas diversas a unha ou varias plantas. Neste caso, aparece presente en algúns arbustos e no buxo, unha especie de presenza habitual nos xardíns de exemplares recortados con fins decorativos. É especialmente apropiado debido á súa follaxe perenne e densa, e ao seu lento crecemento, polo que foi podado xa na Roma clásica e na Idade Moderna, converténdose nunha planta imprescindible nos xardíns do Renacemento e Barroco para a creación de labirintos e xardíns.
Descrición
Esta zona está hoxe recuperada como horta de plantas aromáticas e medicinais, mantendo o seu antigo uso. Recupera a traza coa que aparece nos planos de 1796 y de 1907, usando para a súa plantación diferentes arbustos ornamentais e olorosos.
O toque de sofisticación está en que este horto medicinal está disposto seguindo algunha das características básicas do xardín francés. Aínda que pequeno e sinxelo, destaca a disposición xeométrica dos seus elementos, en contraposición coa estrutura do resto do parque que non mantén unha orde decorativa moi marcada.
O trazado xeométrico responde a un deseño en cruz con rotonda central formado por sebes de buxo (Buxus sempervirens), moi común en Santiago, limitado lateralmente por dúas camelias (Camellia japonica) que se conservan da flora preexistente á rehabilitación, e oito tuias xigantes (Thuja plicata) formando unha fermosa unidade compositiva.
No conxunto podemos atopar milfollas, tamén chamada herba dos carpinteiros (Achillea millefolium), unha aliñación de hortensias (Hydrangea sp.) que rodean o xardín e un fermoso castiñeiro da India de flores rosas (Aesculus hippocastanum x Carnea), ademais de pequenas camelias de nova plantación, podadas en forma globular, consistindo nunha referencia máis aos xardíns franceses por medio da topiaria de formas xeométricas característica destes espazos.
Completan a flora as plantas de temporada que decoran o interior dos xardíns xeométricos formados polos sebes. Non obstante, o céspede queda relegado a un segundo plano, cuxo uso se limita como base para os ornamentos e arranxos florais, a diferenza doutras zonas do Parque de San Domingos de Bonaval nas que o elemento máis destacado é a pradaría, na que aparecen exentas algunhas especies arbóreas a modo de devesa ou exemplares exentos creando puntos de fuga.