
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Historia
A disposición regular do xardín provén principalmente da topiaria, unha técnica que permite ornamentar os xardíns dando formas diversas a unha ou varias plantas. Neste caso, aparece presente en algunhas árbores e arbustos, como o loureiro ou a faia, e no buxo perimetralmente. Este último é unha especie de presenza habitual nos xardíns ornamentais, formados por exemplares recortados cunha finalidade decorativa. É especialmente apropiado debido á súa follaxe perenne e densa, e ao seu lento crecemento, polo que foi xa podado na Roma clásica e na Idade Moderna, converténdose nunha planta imprescindible nos xardíns do Renacemento e Barroco para a creación de labirintos e xardíns.
Unha das plantas que adornan este xardín son os acantos, de pequenas flores apiñadas en forma de espiga nun longo talo e follas verdes escuras, profundamente lobuladas coma as do cardo. Unha antiga lenda conta que Calímaco deseñou o primeiro capitel corintio, cara ao ano 400 a.C., inspirándose nunha canastra de follas de acanto, sobre a que emerxía un conxunto de volutas. Aínda que ao principio considerouse como un elemento decorativo do espazo interior, a primeira obra desta orde no exterior é a Lanterna de Lisícrates de Atenas.
Destaca tamén a presenza da pérgola de glicinias situada nun lateral. As glicinias son plantas de rápido crecemento, xa que poden alcanzar até 20 metros de altura e expandirse 10 metros lateralmente. O colorido vistoso e o perfume das flores en primavera, a densidade de follas en verán e a nudez do inverno, fan da glicinia a planta gabeadora ideal para cubrir muros, patios, soportais e pérgolas en zonas cálidas.
Descrición
O xardín ocupa unha gran extensión rectangular con orientación sueste e precede á fachada principal do Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán, hoxe Local Sociocultural de Vidán. As zonas verdes do xardín xeométrico están divididas en catro seccións por dous paseos centrais que se cruzan no medio do espazo formando unha rotonda central, que comunica coa área do embarcadoiro situado ás beiras do río Sar.
Os xardíns están delimitados polo buxo (Buxus sempervirens), enchido de formas, cores e aromas de plantas diversas, ademais dunha zona de estancia con pérgola de glicinias (Wisteria sinensis) e bancos no lateral. En fronte á fachada da edificación púxose un sebe caducifolio formado por árbores e arbustos, entre os que destacan as faias (Fagus sylvatica) podadas en formas xeométricas cilíndricas.
As sebes que conforman a disposición do xardín foron restauradas respectando a xeometría orixinal que tiña a Villa Rial, mentres que o exterior das sebes está tapizada en céspede e os camiños son de terra compactada. Os pequenos xardíns formados polas sebes albergan no seu interior unha variedade de plantas herbáceas de flor típica dos xardíns pacegos, combinadas con algunha árbore de copa de dimensións pequenas como os loureiros (Laurus nobilis) podados de forma ornamental ou os pradairos xaponeses (Acer palmatum). Deste xeito, as principais especies que podemos atopar no xardín xeométrico do Parque de Brandía son as seguintes:
- Arbustos ornamentais: sebes de buxo (Buxus sempervirens), faia (Fagus sylvatica), loureiros (Laurus nobilis) e pradairos xaponeses (Acer palmatum).
- Santolinas (Santolina chamaecyparissus): con inflorescencias globosas amarelas que sobresaen sobre a follaxe, con arrecendo a menta e baias.
- Lavandas (Lavandula sp.): con inflorescencias violetas e fragrancia moi característica.
- Agapantos ou lirios africanos (Agapanthus africanus): de vistosas inflorescencias brancas e violetas.
- Acantos (Acanthus mollis): de follas apiñadas, dispostas en forma de espiga e follas verdes escuras, brillantes e profundamente lobuladas, que inspiraron os capiteis corintios.