
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Juniperus communis L.
Nome común en galego
Xenebreiro ou cimbro
Nome común en castelán
Enebro común, junípero o jinebro
Características
Na saída do parque cara a rúa de Luís Iglesias, medran un par de xenebreiros, rodeados de ameixeiras xaponesas, castiñeiros e outras especies caducifolias, polo que destacan moito nos meses fríos debido a que son os únicos da zona que conservan a folla durante todo o ano.
Orixe e distribución
Esta especie é autóctona en toda Europa, o sur de Asia e América do Norte, onde aparece con numerosas formas que se reflicten nas distintas subespecies e variedades coñecidas. Na Península Ibérica abunda principalmente no norte, centro e leste peninsulares.
Esta especie está adaptada ao clima continental extremo, de invernos fríos e veráns secos, polo que soe aparecer nas zonas de montaña do noso territorio. Adáptase a calquera tipo de chan, incluso aos pobres e pedregosos, onde coloniza o terreo antes de ser substituída por outras especies de máis rápido crecemento, cando o xenebreiro vai desaparecendo posto que non tolera as condicións de sombra e competencia lumínica derivadas da competencia con outras árbores.
Descrición
Cando esta árbore presenta porte columnar pode chegar a alcanzar os 15 metros de altura, a pesares que dependendo da subespecie pode ter unhas características moi variables, aparecendo a miúdo como un arbusto. A cortiza está entre a cor marrón grisácea e vermella, e despréndese en tira lonxitudinais.
Follas aciculares, punzantes e cunha franxa branca na face que diferenza esta árbore doutras especies de xenebreiro como o Juniperus oxycedrus. Estas acículas aparecen situadas de tres en tres, a modo de estrela de tres puntas.
É unha especie dioica, polo que hai pés macho e femia por separado. Os froitos aparecen só nas árbores femininas e son uns gálbulos carnosos e globosos que teñen o tamaño dun chícharo. Ao madurar son de escura cor azul, cubertos dunha capa de cera ou po branco.
Etimoloxía
Juniperus é o nome que daban os romanos aos xenebreiros e á súa madeira. Communis é un indicador da abundancia da especie.
Usos
Estas coníferas de crecemento lento empréganse en xardinería para formar sebes, macizos arbustivos ou como exemplares illados.
Toda a planta é moi aromática e ten aceites esenciais. Estas propiedades aromáticas fan que o uso máis coñecido do xenebreiro sexa a destilación dos seus froitos para a obtención de xenebra, por iso aparece na etiqueta de moitas botellas desta bebida unha póla de xenebreiro cos seus froitos.
Os froitos tamén se empregan para aderezar a carne, como diurético e carminativo. Tamén se pode atopar nalgúns cosméticos como carmín para os beizos, fondo de maquillaxe, sombra de ollos, acondicionador de cabelo ou aceite de baño.
A madeira resiste ben á podremia, polo que utilízase en tornería e ebanistería. Antigamente, a resina do xenebreiro moída empregábase como secante dos escritos en tinta.