mainimg
Código: XF004
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Xardín do Colexio de Fonseca

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Ginkgo biloba L.

Nome común en galego

Xinkgo

Nome común en castelán

Ginkgo

Biometría

Perímetro normal

2,6 metros

Altura

27,20 metros

Diámetro de copa

13,05 metros

Idade estimada

110-130 anos

Información

Características

No outono de 2017 tivo que ser tallado un dos xinkgos que existían no antigo Xardín Botánico do Colexio de Fonseca. Esta é unha especie dioica, que ten árbores femia e árbores macho, polo que cara 1880 plantouse neste pequeno espazo unha parella.

Este xinkgo femia, plantado á dereita do camiño, tivo que cortarse debido a que presentaba risco de derrubamento a causa do seu mal estado de saúde. As súas raíces estaban en estado de descomposición pola acción de fungos xilófagos, e a ramaxe estaba tamén seca. Estaba incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras, polo que foi a administración autonómica quen tivo que autorizar a talla, despois do informe presentado polo Concello en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela.

Esta árbore, que contaba cunha altura de máis de 27 metros, era xunto co seu compañeiro macho, e que aínda pode verse medrando no parque sen problemas de saúde, eran os máis grandes e antigos da cidade, e probablemente os máis antigos de Galicia.

Foron plantados cara 1880, polo que este xinkgo tiña uns 130 anos de idade ao igual que o seu compañeiro, e competían en lonxevidade co existente no Xardín Botánico da Universidade de Granada, plantado en 1889.

Orixe e distribución

É o único representante do seu xénero, familia, orde e clase, pois a súa orixe é tan antiga que non ten parentes vivos. Xurdiu no Pérmico, hai 270 millóns de anos, e considérase o máis antigo dos fósiles viventes, xa que os restos de xinkgo son comúns nos fósiles do Xurásico e Cretácico (200 - 65 millóns de anos).

Pódense atopar exemplares en China, no Monte Xitianmu (provincia de Zhejiang), mais non está claro se son árbores verdadeiramente silvestres ou descendentes dos cultivados no xardíns dos templos.

En Europa só se coñecían exemplares fósiles, créndose extinta, até que en 1691 o alemán Engelbert Kaempfer descubriu os xinkgos en Xapón e trouxo as primeiras sementes a un viveiro de Utrecht (Países Baixos). En 1754 plantouse un exemplar nos xardíns de Kew (Londres) que aínda vive. En 1808 xa se citou nos Xardíns de Aranxuez.

Descrición

O xinkgo sobreviviu practicamente invariable até a actualidade e representa o único caso vivinte entre as plantas superiores e as inferiores (entre fentos e coníferas). Foi o único supervivente nas proximidades de Hiroshima, xa que xermolou despois da bomba atómica de 1945; e segue vivo, aínda coas marcas de queimaduras da explosión no madeiro.

As árbores alcanzan até 40 metros de altura e os exemplares máis vellos tenden a ter un aspecto máis estendido con ramas irregulares. Poden ser extremadamente lonxevos, o exemplar máis antigo rexistrado ten 3.500 anos.

É dioica, xa que as árbores masculinas e femininas están separadas. O pole masculino fórmanse en piñas parecidas a amentos entre as follas, mentres que os óvulos se encontran en amentos femininos máis redondeados. Os xinkgos tardan entre 20 e 35 anos en alcanzar a madurez e comezar a dar sementes. Despois da fertilización, fórmanse sementes amarelentas cunha cuberta exterior carnosa que as asemella a unha ameixa, con moi mal cheiro ao madurar debido ao seu contido en ácido butírico.

Etimoloxía

Engelbert Kaempfer chamoulle Ginkgo na súa obra Amoenitatum exoticarum (1712) por unha transcrición errónea do xaponés gink yo ou gin ki go, palabras que significan árbore sen follas en inverno. O nome orixinal desta árbore en chinés é yin xing, albaricoque prateado.

En 1771, Linneo añadíulle o específico biloba, que ven do latín bilobus, -a, -um (con dous lóbulos), e fai referencia a que as características follas de cor amarela verdosa teñen forma de abano e están compostas de dous ou máis lóbulos visibles.

Usos

É unha árbore doutra época, iso explica que non teña nin pragas, nin enfermidades nin fungos da madeira, os tres problemas principais das árbores.

Foi plantado extensamente como ornamental ou como bonsai, e existen exemplares cultivados por todo o mundo. En outono, as follas do xinkgo adquiren unha fermosa tonalidade dourada antes de caer ao chan.

Ten unha longa historia de importancia cultural en Asia. Afírmase que Confucio impartía as súas ensinanzas sentado baixo un xingo, o cal é un dos motivos de que a especie sexa venerada na tradición chinesa.

Cultivábanse árbores nos xardíns dos templos en Xapón e China dende hai 3.000 anos, mais actualmente son populares en cidades de todo o mundo e mesmo se propaga en plantacións polas súas propiedades medicinais. As follas utilízanse contra as afeccións cognitivas, tales como a enfermidade de Alzheimer, a demencia ou a vertixe.

A pesar do mal cheiro das sementes, considéranse un manxar. As chamadas noces de xinkgo, cómense asadas ou en sopa. Teñen un sabor similar ao dos piñóns ou as castañas asadas, mais deben ser cociñadas, pois crúas poden provocar envelenamentos pola xinkgotoxina.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)