
Actuacións
O acondicionamento do Xiro dos Montes levouse a cabo dentro do obradoiro de emprego CREAS III, un programa de emprego-formación que se centra na aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional por parte de persoas desempregadas maiores de dezaoito anos. Consta dunha etapa formativa en alternancia coa práctica profesional, de 9 meses.
En toda a ruta leváronse a cabo labores de roza da vexetación de matogueira, apeo dalgún exemplar arbóreo, eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes da intervención, retirada do material sobrante e traslado a punto limpo, mellora de pavimentos, regularización das superficies de xeito puntual con achega de xabre, execución dalgún punto de drenaxe con cachote ou con simple cuneta, e instalación de mobiliario e sinalización. Esta concretouse na colocación dun mapa xeral do percorrido en cada punto de inicio - fin etapa, cun módulo de descanso; na sinalización en cada cruzamento e balizado cada 50 metros de percorrido cun poste de PK cada 500 metros; e na sinalización de cada elemento de interese natural ou cultural. A actuación consistiu no trazado e delimitación dunha senda que une os montes urbanos da cidade:
Etapa 1: Monte do Viso - Monte do Gozo (4,7 km, 1h 50m)
Etapa 2: Monte do Gozo - Monte de Deus (6,7 km, 2h 5m)
Etapa 3: Monte de Deus - Monte Pedroso (5,3 km, 1h 51m)
Etapa 4: Monte Pedroso - Monte de Vidán (3,5 km, 1h)
Etapa 5: Monte de Vidán - Monte de Conxo (4,6 km, 1h 38m)
Etapa 6: Monte de Conxo - Monte de Santas Mariñas (3,6 km, 55m)
Etapa 7: Monte Santas Mariñas - Monte Gaiás (2,9 km, 50m)
Etapa 8: Monte Gaiás - Monte do Viso (2,5 km, 50m).
Descrición
Un ano despois da última intervención no Monte do Viso, o Concello de Santiago abriu en xuño do 2021 a senda Xiro Pequeno dos Montes de Compostela, que bordea a cidade unindo os montes urbanos para percorrelos a pé ou en bicicleta, achegando un alto valor ecolóxico e paisaxístico. A actuación enmárcase nas actividades do Obradoiro de emprego CREAS III.
O roteiro conforma un gran corredor de 34 quilómetros de lonxitude que rodea a cidade e comunica entre si os principais montes urbanos (Monte do Viso, Monte do Gozo, Monte de Deus, Monte Pedroso, Monte de Vidán, Monte de Conxo, Monte de Santas Mariñas e Monte Gaiás), poñéndoos á súa vez en relación co itinerario verde urbano e as restantes zonas verdes existentes: con outros parques e xardíns, cos carreiros rurais e forestais e cos diferentes Camiños de Santiago, creando unha gran senda verde que facilita a integración e o diálogo da cidade coa súa contorna natural.