Santiago de Compostela acolle o duodécimo encontro internacional deste grupo de traballo da unión internacional de ciencias do solo. A duodécima Conferencia sobre Solos de Áreas Urbanas, Industriais, de Tráfico, Mineirais e Militares (SUITMA) desenvolverase do 4 ao 7 de setembro de 2023 en Santiago de Compostela.
Dentro do programa do mércores, 6 de setembro, inclúese unha visita ao Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís (CIPX). Esta xornada incluirá unha visita ao CIPX, seguido dunha ponencia realizada polo persoal do Centro sobre as hortas urbanas municipais. Tras un breve almorzo no CIPX, os participantes do grupo de traballo realizarán unha visita guiada ás hortas municipais de Belvís, para coñecer de primeira man o aprendido na ponencia.
O departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC organiza este encontro no 25 aniversario da creación do Grupo de Traballo da Unión Internacional de Ciencias do Solo (IUSS, polas súas siglas en inglés) nesta área.
Os solos están no centro das preocupacións mundiais, como a seguridade alimentaria, o cambio climático e a biodiversidade, e son esenciais para acadar moitos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Porén, as actividades antrópicas alteraron as propiedades e a funcionalidade de moitos solos, especialmente durante o século pasado, ata o punto de que os solos antrópicos mereceron enfoques específicos para o seu estudo. A conferencia SUITMA12 abordará todos os aspectos da investigación sobre clasificación, propiedades, funcionamento e xestión sostible dos solos antropoxénicos.