Ferrovial Servicios, como concesionaria do Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e Arboredo Urbano do Concello de Santiago de Compostela, realiza unha continua programación de actividades, educación e sensibilización ambiental no CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns de Compostela).
Os obxectivos deste plan son os seguintes:
- Fomentar prácticas, comportamentos e actitudes ambientais entre a cidadanía.
- Promover a información, a concienciación e a sensibilización da poboación sobre o medio e a importancia dos espazos verdes na cidade.
- Contribuír ao espírito de responsabilidade e solidariedade que garante a conservación e mellora do medio.
ACTIVIDADES
Prográmanse unha serie de actividades dirixidas a todo tipo de público e idades, especialmente pensada para nenos, que poderán asistir acompañados ou sos. As actividades terán lugar de luns a venres e a duración das mesmas será dunhas 2-3 horas, comezando ás 11:00 da mañá. Todas as actividades están conducidas por educadores ambientais do CIPX, e dependendo da idade e coñecemento dos asistentes, estas adaptarase segundo ás necesidades dos asistentes. As actividades propostas son:
- Expedición botánica por Belvís
- Obradoiro 1: Hotel de insectos
- Obradoiro 2: Bombas de sementes
- Exposición sobre o cambio climático no CIPX

REALIZA UNHA EXPEDICIÓN BOTÁNICA POR BELVÍS
Actividade práctica que se traballará no marco simbólico dunha expedición botánica. Os participantes converteranse nos descubridores de especies vexetais mentres aprenden como eran e a importancia que tiveron botánicos galegos como Baltasar Merino, o maior coñecedor da flora galega, e ao que se lle dedicou o Día da Ciencia no 2017. Realizarase un percorrido botánico, intercalado con xogos de pistas, polo Parque de Belvís. Usaranse métodos “tradicionais” para a identificación de especies, como é o uso guías de campo, mais tamén se empregarán ferramentas dixitais. Empregando estas novas ferramentas, porase aínda máis de manifesto a importancia que tiveron os botánicos galegos pioneiros como Baltasar Merino ou o Pai Sarmiento. Os contidos que se tratarán neste percorrido botánico son:
- As plantas como seres vivos.
- As partes dunha planta.
- Árbore, arbusto ou herba?
- Xardinería VS Natureza espontánea: céspede segado VS pradaría naturalizada, plantacións VS vexetación espontánea…
- Tipoloxías de plantas: aromáticas, gateadoras, arbustivas, herbáceas, acuáticas…
- A idade das árbores: contabilizarase a idade das árbores contando os aneis nun tronco cortado.
- Usos das plantas: medicinais, téxtiles, curtido do coiro, leña, construción…
- Identificación de árbores, arbustos ou herbas mediante o uso dunha guía de campo.
- Identificación de árbores, arbustos ou herbas usando aplicacións para móbil: ArbolApp e PlantNet. O educador ambiental levará unha tableta para ensinar aos asistentes estas aplicacións, na que a primeira identifica a árbore facendo unha busca guiada, e a segunda identifica unha especie vexetal a partir dunha imaxe. Para un mellor desenvolvemento da actividade, no momento de inscrición das persoas, comentaráselle a posibilidade de que instalen ditas aplicacións no seu dispositivo móbil.
Xullo: 8, 10, 12, 15, 17, 19, 22, 24, 29 e 31 | Agosto: 2, 5, 7, 9, 12, 19, 21, 23, 26, 28 e 30 | Setembro: 2, 4 e 6

CONSTRÚE O TEU PROPIO HOTEL DE INSECTOS
Os insectos son imprescindibles nos espazos verdes, posto que son a base da cadea trófica. Por unha banda encárganse da polinización de moitas flores, como as abellas, avespas, moscas ou abellóns, sen as que moitas plantas non producirían nin sementes nin froitos. Outra función é a de exercer un control sobre determinadas pragas, coma no caso das xoaniñas (coleópteros) ou cadelas de frade (dermápteros) empregados en agricultura. Nesta actividade os asistentes construirán cadanseu hotel para insectos como refuxio de especies beneficiosas, e que levarán con eles para que o coloquen onde desexen.
Xullo: 9, 16 e 30 | Agosto: 6, 13, 20 e 27 | Setembro: 3

APRENDE A FACER BOMBAS DE SEMENTES
Obradoiro de elaboración de bombas de sementes, inspirado no método Nendo Dango de Fukoka. Trátase dunha técnica de sementeira a partir de sementes recubertas con barro e arxila. Estas bombas verdes serven como elemento de xénese dos terreos naturais urbanos, e poderán lanzarse nun sector habilitado para tal no Parque de Belvís, ou levalas consigo e lanzalas onde se desexe.
Xullo: 11, 18 e 23 | Agosto: 8, 14, 22 e 29 | Setembro: 5

EXPOSICIÓN
No CIPX, do 10 de xullo ao 31 de agosto, exposición cedida polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia): Cambio climático | O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción.

INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES E CONTACTO
661 406 965
ilopez@ferrovial.com
TRÍPTICO INFORMATIVO
Verán en Belvís [+]