Cespa, como concesionaria do Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e do Arboredo do Concello de Santiago de Compostela, ofertou unha proposta de accións de sensibilización ambiental, co obxectivo de contribuír á concienciación do cidadá polo respecto ás zonas verdes e os beneficios que aporta a xestión sostible destas. Para isto, realizarase unha continua programación de actividades, educación e sensibilización ambiental no CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns de Compostela) localizado no Parque de Belvís.

Prográmase unha actividade dirixida aos/ás alumnos/alumnas de primaria dos centros educativos da cidade, impartido por educadores ambientais do Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e Arboredo do Concello de Santiago de Compostela, con grupos burbulla (unha aula) creados nos centros. Inclúese o servizo de transporte en autobús desde o centro educativo ao CIPX, así como o regreso.
A data estimada de comezo é o 22 de novembro e chegará até a fin do curso. A duración da actividade será dunhas 3,5 horas, desde as 10:00 ás 13:30 (incluíndo un descanso para o almorzo) e estrutúrase do seguinte xeito:
– Exposición “Virus e biodiversidade”
– Recreación dun ecosistema (dúas opcións, a escoller unha)
– Naturalización do rego do Cancelón de Sar
EXPOSICIÓN “VIRUS E BIODIVERSIDADE”
A actividade dará comezo cunha charla divulgativa sobre relación entre os virus e a biodiversidade, que se apoia en paneis de gran formato, imaxes e vídeos, adaptados ao nivel de cada grupo de participantes.
O panel nº 1 mostra como se expanden os virus e como se combaten, o panel nº 2 introduce o concepto de biodiversidade, o panel nº 3 enumera os diferentes ecosistemas e no panel nº 4 exponse a relación entre o aumento dos virus e a diminución da biodiversidade.

Opción 1: RECREACIÓN DUN ECOSISTEMA CON BANDEXAS
Cada participante realizará unha bandexa creando diferentes ecosistemas (bosque, río, montaña, deserto…) usando materiais inertes (pedras, area, terra…) e materiais vivos (plantas, musgos, liques…). Con esta actividade práctica preténdese recrear as sensacións dun espazo exterior, no interior, o que permite imaxinar todo tipo de ecosistemas. Cada alumno/alumna poderá levar a súa propia creación para observar o paso do tempo e como cambian os elementos vivos da natureza, como se murchan as flores ou como caen as follas.

Opción 2: RECREACIÓN DUN ECOSISTEMA CON STICKERS
Ao igual que usando as bandexas, cada alumno/alumna creará diferentes ecosistemas, mais desta vez usando stickers de plantas, animais… que pegarán no seu correspondente ecosistema: selva, lagoa, sabana, deserto, bosque, océano e pradeira.

NATURALIZACIÓN DO REGO DO CANCELÓN DE SAR
O rego do Cancelón de Sar (localizado a escasos 100 metros do CIPX), tamén coñecido como rego das Tripeiras, Macelo ou rego de Belvís, ten certo caudal nos meses máis chuviosos, desenrolando un poder de erosión debido á velocidade que alcanzan as súas augas, mentres que nos meses secos de verán pode chegar a desaparecer completamente.

Na actualidade, o rego do Cancelón de Sar atópase totalmente desprovisto de vexetación de ribeira, polo que se propón que sexan os propios alumnos/alumnas os que contribúan á súa naturalización coa plantación de especies vexetais de ribeira, subministradas en tamaños axeitados para o manexo por parte dos participantes. Estas plantacións contribuirán a aumentar a biodiversidade no Parque de Belvís.

