mainimg
Código: par003
-
Parques E Xardíns
Localización

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Parque patrimonial

Cronoloxía

2003

Historia

O Parque de Vista Alegre tamén é coñecido como Finca Simeón, Xardín de Europa ou Casa Europa. Esta fermosa finca aparece xa nos planos da cidade no ano 1796 co nome de Horta de San Martín, o que indica que era propiedade do veciño mosteiro beneditino de San Martiño Pinario. Tamén aparecía nos planos do século XX como Xardíns de Mosquera Pérez, nome que na actualidade recibe só o parque que linda co de Vista Alegre cara o leste, ao outro lado do río Corgo.

A Finca dos Simeón era un recinto rodeado en todo o seu perímetro por un potente muro de pedra que marca unha drástica separación entre o interior e o exterior, creando o seu propio mundo no interior do peche. Aínda conserva as evidencias de xardín privado que foi noutro tempo, como son as estatuas que gardan o camiño principal de entrada á casa, o hórreo no que gardar as colleitas da zona de hortas, o cruceiro de pedra, un resgardado merendeiro xunto á casa, pequenos muros ornamentados con columnas rematadas en floreiros...

Este extenso e variado xardín de inspiración barroca toma como modelo a distribución dos espazos verdes dos grandes pazos galegos. Estas residencias da fidalguía tiveron a súa época de esplendor entre os séculos XVI a XVIII, mais as residencias da burguesía seguían tomándoos como modelo aínda no século XX para retomar a súa imaxe de distinción. Este mesmo tipo de referencia ao xardín pacego podémomlo atopar no veciño Parque da Finca do Espiño, construído na mesma época que a residencia da familia Simeón.

Actuacións

A finca foi adquirida aos seus anteriores propietarios polo Consorcio da Cidade de Santiago en 1995, e a súa rehabilitación comezou en 2002, en base ao proxectado polo paisaxista Arata Isozaki e o arquitecto César Portela, que xa traballaran xuntos noutras obras como a do Domus (Casa do Home), creada na Coruña en 1995.

Estes terreos, situados na parroquia de San Xoán de Vista Alegre, foron convertidos nunha nova zona verde formada por un recinto duns 32.443 m2 rodeado por un muro de pedra. O parque convértese nun lugar privilexiado de paseo e repouso, cunha escala intermedia entre un xardín privado e un parque público, dende onde o horizonte urbano da cidade histórica pode ser observado entre as árbores que poboan o espazo, facendo honra ao seu nome de Vista Alegre.

O plan paisaxístico desenvolvido no parque fala da articulación do espazo en función dunha rede de paseos de trazado ortogonal, flanqueados por largas filas de árbores froiteiras que acoutan panos de herba, nos que crecen unha grande variedade de arbustos e plantas floridas. Atopamos paseos de xabre e de granito, que conectan os diferentes edificios e espazos do parque. De este modo, dentro dos espazos existentes insírense as novas pezas arquitectónicas e paisaxísticas, de maneira que estes dialogasen coa antiga vivenda e o seu xardín.

Ademais do xardín dos terreos da casa que hoxe constitúen o parque, rehabilitouse tamén o edificio residencial que hoxe alberga a Casa de Europa. Acondicionouse o espazo coa plantación de céspede e árbores, a colocación do sistema de rega e a apertura de camiños.

As obras de rehabilitación comezaron en 1999 e, despois de anos de traballo, o parque abriuse ao público o 25 de setembro de 2003, contando xa coa rehabilitada Casa Europa e os novos Centro de Estudos Avanzados e a Escola de Altos Estudos Musicais. Aínda haberá que esperar algúns anos para o remate definitivo do parque coa inauguración da Sede da SGAE e do Museo de Historia Natural.

Descrición

O Parque de Vista Alegre ocupa unha extensión duns 35.000 m2, nos que podemos atopar espazos de paseo e interesantes mostras de arquitectura e escultura popular, como hórreos e cruceiros, xunto con mostras máis propias do arte pacego como son a residencia colonial, as esculturas e os floreiros, combinadas cos edificios contemporáneos dalgúns dos arquitectos de máis fama nacional e internacional, dedicados a diversas instalacións de vocación docente, universitario e cultural como o Centro de Estudos Avanzados, o Centro de Altos Estudos Musicais e o Museo de Historia Natural Luís Iglesias. Deste xeito, promoveuse un parque universitario con usos dotacionais para a investigación, no que se integran elementos decorativos residenciais e tradicionais propios da sociedade rural galega.

Cunhas vistas da cidade histórica destacables, o Parque de Vista Alegre ten unha interesante variedade de especies vexetais, con máis de 60 especies arbóreas e arbustivas representadas de forma moi desigual, unhas cun reducido número de exemplares (abetos, pitósporos, lamagueiros, tilos...) mentres que outras son moi abondosas (maceiras, pereiras, loureiros, carballos, hortensias...). Pódese percorrer nun agradable paseo, durante o que o visitante descubrirá infinidade de recunchos sombreados que convidan a sentar e gozar da natureza en estado puro.

Estas zonas verdes do parque urbano pódense diferenciar en distintas áreas de vexetación, seguindo a segmentación propia das tres partes nas que se dividían tradicionalmente os pazos galegos:

- Área de bosque: este espazo servía para proporcionar sombra, madeira e leña á residencia pacega. Neste caso trátase dunha carballeira, situada na parte máis alta da finca, no ángulo noroeste do terreo e preto do edificio da SGAE. É unha masa arborada que crea o seu propio espazo dentro do parque, introducindo unha faceta boscosa e rural no conxunto.

- Zona de hortas: destinada á produción de recursos cos que abastecer a despensa da casa. Hoxe esta área está encespada e poboada con árbores froiteiras, conservando o hórreo como mostra do antigo uso agropecuario do lugar. Dentro de este espazo habería que incluír tamén as pradarías húmidas, próximas ao río, que ocupan as zonas baixas do parque e onde hoxe se sitúa o Museo de Historia Natural.

- Xardín próximo á vivenda: área de lecer preto do tranquilo espazo residencial da casa que, aínda hoxe, está ocupado con plantas ornamentais, especialmente de flor. Aquí destacan o merendeiro, os floreiros de metal e cerámica ou a entrada principal á residencia, marcada polas aliñacións de plátanos de sombra (Platanus orientalis) e as esculturas femininas.

Este xardín está complementado cunha zona de xogos infantís, acorde co uso recreativo que se lle daba ao espazo dende hai máis dun século. As obras de rehabilitación do parque tiveron en conta a completa accesibilidade para minusválidos.

Bibliografía

ARRIBAS ARIAS, F. Os cruceiros na relixiosidade popular galega. Estudo etnohistórico, Tese doutoral da USC, Lugo 2014

FFRAGA, M.I. Guía verde Santiago de Compostela. Alvarellos, Santiago de Compostela, 2010

PICO, R. Cultura e tradicións de Galicia. Unidades didácticas de ensino primario

SÁNCHEZ GARCÍA, J.A. El jardín de los pazos. Ensayo histórico. Biblioteca Nueva, Madrid, 2010. Superfici di Pietra. Revista Arketipo nº 15, 2007

Fotos actuais


Fotos antigas


Mapas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)